Inicio Carballo ao día Novas Os alcaldes de Carballo e Coristanco asinan un...

Os alcaldes de Carballo e Coristanco asinan un convenio para a solicitude conxunta dun obradoiro dual de emprego

Ámbolos dous concellos agardan que esta primeira experiencia de colaboración teña continuidade neste e noutros ámbitos

Luns 18 de marzo do 2024

Juan García e Evencio Ferrero, tras a sinatura do convenio

Os alcaldes de Carballo e Coristanco, Evencio Ferrero e Juan García, respectivamente, asinaron este luns un convenio de colaboración coa finalidade de presentar unha solicitude conxunta á convocatoria de obradoiros duais de emprego que ten aberta a Xunta de Galicia. A firma realizouse na Alcaldía de Carballo, tras unha xuntanza na que tamén participou persoal técnico e administrativo de ámbolos dous concellos.

A iniciativa leva o nome dun elemento patrimonial que simboliza a unión entre Carballo e Coristanco: Obradoiro Lubiáns. Se a solicitude é aprobada, veciños e veciñas de ámbolos dous concellos poderán formarse como alumnos/as traballadores/as nun obradoiro dual de emprego na especialidade de carpintería. O centro de formación será o Fórum Carballo, que conta cun taller de carpintería preparado e totalmente equipado.

Tanto o alcalde de Coristanco coma o de Carballo amosaron a súa satisfacción polo acordo acadado e expresaron o seu desexo de que esta primeira experiencia de colaboración teña continuidade, tanto no ámbito da formación para o emprego coma noutros posibles sectores.

Obradoiros de emprego

Na xuntanza participou persoal técnico e administrativo de ámbolos dous concellos

Na xuntanza participou persoal técnico e administrativo de ámbolos dous concellos

No noso concello está en marcha nestes momentos un obradoiro dual de emprego na especialidade de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, e previamente desenvolveuse outro na que, ademais desta última especialidade, impartiuse cociña. O obxectivo agora é formar a un grupo de veciños e veciñas de ámbolos dous concellos en carpintería, un sector no que existe gran demanda de traballadores e traballadoras.

Tal como figura na orde que os regula, “os obradoiros duais de emprego configúranse como programas experienciais de emprego e formación que teñen por finalidade mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas de dezaoito ou máis anos de idade, mediante a realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten ao alumnado participante a realización dun traballo efectivo que, xunto coa formación profesional para o emprego recibida, relacionada directamente co devandito traballo, procure a súa cualificación profesional e favoreza a súa posterior inserción laboral no mercado de traballo”. A súa duración está establecida en nove meses, ao longo dos cales as persoas participantes terán un contrato de traballo de formación en alternacia, polo que percibirán o salario correspondente.

Compartir: