Inicio Carballo ao día Novas O Carballo Interplay anuncia os finalistas do...

O Carballo Interplay anuncia os finalistas do primeiro premio a mellor contido dixital galego e unha xornada dedicada ao talento da internet de Galicia

O festival reivindícase como un espazo de referencia para o talento dixital galego con shows en directo do podcast Exército Mekemeke, nominado aos Premios Ondas do Podcast, as creadoras Malva e Sara Seco e Petiscos no Derby coa participaci&a

Xoves 14 de marzo do 2024 Cultura

O festival de contidos dixitais Carballo Interplay, que terá lugar entre o 4 e o 7 de abril, presenta a súa programación centrada nos creadores e proxectos dixitais galegos. Como parte do seu labor de apoiar e conectar os novos talentos da rede contará con shows en directo de programas como Exército Mekemeke, videopodcast nominado aos Premios Ondas do Podcast na categoría de Mellor podcast en lingua cooficial; o podcast de tertulia cultural Café Derby 21 -no que participarán Pablo Meixide, Blondiemuser e Lidia Veiga, entre outros- e unha Videoregueifa entre dúas das creadoras de contido en redes máis populares do ecosistema galego, Sara Seco e Malva.

Ademais, o Interplay presentou nesta undécima edición un novo premio a Mellor Contido Dixital Galego, con dúas categorías dotadas con 600€: mellor creador ou creadora e mellor canle. O premio abrangue todo proxecto de índole dixital difundido a través de Youtube, Tik Tok ou Instagram. Presentáronse 24 candidaturas, das que saíron 10 finalistas que presentarán os seus proxectos no propio Carballo Interplay, onde o xurado formado por Gabri Fuentes, Cibrán Tenreiro e Andrea Villa seleccionará os proxectos gañadores o día 5 de abril na xornada da tarde.

Na categoría de mellor canle destacou o traballo de cinco proxectos: o medio de comunicación ourensán OU Ké!, no que tratan temas relacionados coa política, a cultura ou o deporte dende un punto de vista humorístico; o videopodcast de humor e lifestyle Exército Mekemeke, retransmitido dende Ames Radio e conducido por Carlos Vieito, Lidia Veiga e Miguel Gómez Abad; Rebelico Revista, un medio que difunde en redes sociais e na súa web sobre cultura tradicional galega; TOXÍO, un proxecto multiplataforma sobre viaxes con especial atención tamén ao veganismo e a defensa dos Dereitos Humanos e O Faiado Podcast, un videopodcast de conversas e humor dirixido á xeración Z e realizado por oito estudantes dende a Universidade de Santiago de Compostela. Unha variedade de proxectos e temáticas que demostra a riqueza do panorama dixital galego e o seu impacto cultural, logrando fitos como ser o primeiro podcast en galego candidato a un Premio Ondas, no caso do Exército Mekemeke.

Na categoría de mellor creador ou creadora seleccionáronse outros cinco finalistas: Iago Gordillo, creador de Recuncho Gamer, un espazo de divulgación sobre videoxogos en redes; Rodri Míguez, creador de contido en Tik Tok sobre música galega; Laura Veiga, creadora da conta Pingando, na que trata temas de divulgación menstrual e saúde sexual; María Rúa, coñecida en redes como Prado Rúa (@prado_rua), creadora de contido sobre cultura e actualidade e Sara Seco (@sarasecorial), popular en Tik Tok polos seus vlogs e vídeos de lifestyle.

Moitos destes finalistas participarán nas actividades programadas para o xoves 4 de abril. Unha xornada destinada a que estudantes e curiosos descubran todo o que o panorama dixital galego pode ofrecer, da man dos seus protagonistas. Nesta tarde o público poderá acudir ao primeiro programa en directo e con público do videopodcast Exército Mekemeke ou, durante a mañá, asisitir a unha batalla na que as armas son os mellores vídeos da internet, a  Videoregueifa entre dúas das creadoras de contido máis queridas, Sara Seco e Malva (@todomal.va). Da man de Petiscos no Derby, un show creado polo podcast Café Derby 21, no que Adrián Lede, Nico Carreira e Carme D Prol conversarán coa creadora de contido sobre sostibilidade Paula Vilavoy (@blondiemuser), a tiktoker especializada en maquillaxe Paula Jorge (@paulablackmakeuplover), o cómico Pablo Meixide (@pablomeixe), o creador de contido sobre música Rodri Míguez (@rodrimiguez) e a actriz Lida Veiga, nun programa centrado no panorama actual da rede galega e os seus desafíos. Todas as actividades contarán con retransmisión en streaming.

Compartir: