Inicio Carballo ao día Novas As obras de reurbanización das rúas...

As obras de reurbanización das rúas Labarta Pose, Manuel Murguía e Otero Pedrayo entran na recta final

O Concello de Carballo realiza un investimento de 355.955,40 euros para dotalas de todos os servizos urbanísticos, mellorar a accesibilidade e humanizar o barrio

Martes 12 de marzo do 2024

O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Planificación Urbana, Mobilidade e Seguridade, Juan Seoane, visitaron as obras en marcha no ámbito integrado polas rúas Labarta Pose, Manuel Murguía, Otero Pedrayo e Antón Fraguas co obxectivo de mellorar os servizos urbanísticos, mellorar a accesibilidade e avanzar na humanización do barrio. O investimento acada os 355.955,40 euros, e da execución encárgase a empresa Excavaciones y Obras Candal.

Os traballos, que encaran a recta final, permitiron renovar os distintos servizos urbanos, eliminando os tendidos aéreos de telecomunicacións, alumeado e electricidade, ademais de mellorar as infraestruturas do ciclo da auga. Neste sentido, o proxecto incluíu a substitución das vellas tubaxes de fibrocemento por unha nova rede de abastecemento, que permitiu pechar a malla nese ámbito, garantindo o subministro tanto dende Antón Fraguas coma dende Ponte da Pedra. Tamén se completou a rede de saneamento, e ademais instalouse a de recollida de augas pluviais, da que carecía a zona.

A actuación, ademais, permite avanzar na mobilidade sostible e na accesibilidade mediante a eliminación de barreiras arquitectónicas e o establecemento de plataforma única, limitando as áreas de estacionamento para fomentar a circulación peonil. Na zona oeste da rúa Labarta Pose creouse, de feito, unha zona exclusivamente peonil, que se complementará cunha zona verde. Ademais, entre as catro rúas plantáronse xa 38 árbores de distintas especies. O proxecto tamén inclúe a sinalización horizontal e vertical, e mobiliario urbano, que está previsto instalar nos vindeiros días.

Compartir: