Inicio Carballo ao día Novas Aumenta un 33% o importe que percibirán as...

Aumenta un 33% o importe que percibirán as familias beneficiarias das bolsas de estudos para educación infantil

Martes 12 de marzo do 2024

Xunta de Goberno Local

Xunta de Goberno Local

A Xunta de Goberno Local aprobou na sesión ordinaria deste luns as bases da convocatoria de axudas ao estudo para o alumnado do segundo ciclo de educación infantil e do Conservatorio Municipal de Música. O importe das primeiras increméntase un 33% para as familias beneficiarias, que este curso recibirán unha bolsa de 200 euros para material escolar. Nos últimos dez anos, o aumento foi do 100%. Con respecto ao CMUS, as axudas representan o 50% do custe da matrícula. A partida destinada este ano pola Concellaría de Educación ás bolsas de estudos ascende a un total de 70.000 euros. O prazo de solicitude abrirá a partir da publicación da convocatoria correspondente.

Na sesión deste luns tamén foi aprobada a subvención nominativa anual para a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, por un importe de 25.000 euros.

Entre outros asuntos, a Xunta de Goberno Local tamén aprobou facturas de gasto por importe de 82.549 euros e varias licenzas urbanísticas, entre elas tres para outras tantas vivendas unifamiliares en Cernide, Camiño do Bosque e Fontecaldeira, todas elas na parroquia de San Xoán Bautista.

Compartir: