Inicio Carballo ao día Novas O plan de renovación integral dos parques...

O plan de renovación integral dos parques infantís continúa en tres espazos urbanos e outros dous da zona rural

Os novos espazos de xogos do barrio da Milagrosa, Artes e Razo están en obras, e de seguido actuarase nas prazas de Eduardo Pondal e do Concello

Mércores 6 de marzo do 2024

Novo parque infantil de Artes

Novo parque infantil de Artes

Despois da reforma integral que vimos de acometer no complexo de ocio da Ponte de Bértoa, o plan de renovación integral dos parques infantís impulsado desde a Concellaría de Servizos continúa noutros dous espazos da zona rural e tres da urbana, cun investimento que supera os 700.000 euros en total.

O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Planificación e Mobilidade Urbana, Juan Seoane, achegáronse hoxe ata Artes, onde xa está case a punto a nova área de xogos habilitada xunto á igrexa. Dadas as características do espazo e para facilitar a integración do parque infantil na contorna, optouse por xogos de madeira. Do mesmo xeito, e seguindo o modelo da Ponte de Bertoa, no chan utilizouse un céspede artificial especial para uso infantil.

Obras do parque infantil de Razo

Obras do parque infantil de Razo

Acompañados polo concelleiro de Servizos, Miguel Vales, tamén se desprazaron ata Razo, onde está tamén en execución o novo parque infantil. Ademais da substitución de todos os xogos, entre os cales se incluirán varios inclusivos, como se está facendo en todos os parques novos, tamén se renovarán os pavimentos e o mobiliario urbano, e ademais a partir de agora todos os xogos estarán no mesmo nivel, xa que se eliminaron os desniveis que había.

O percorrido incluíu tamén o parque infantil da Praza da Milagrosa, no que xa están colocados os novos xogos, pero faltan aínda o chan de caucho, que está pendente de que a choiva dea uns días de respiro para que a base estea seca, o peche e o mobiliario urbano.

Obras do parque infantil da Milagrosa

Obras do parque infantil da Milagrosa

Esta actuación forma parte do proxecto Carballo para a infancia, cofinanciado pola Deputación da Coruña, que inclúe un investimento de máis de medio millón de euros para acometer a reforma integral dos parques situados nas prazas da Milagrosa, Eduardo Pondal e Concello. Nesta última tamén se realizará próximamente, por parte da Concellaría de Deportes, a instalación dunha nova pista multideporte.

O obxectivo da Concellaría de Servizos é seguir actuando en todos os parques que o precisen, ademais de seguir estendendo a rede de espazos de xogo infantil polo territorio municipal.

Compartir: