Inicio Carballo ao día Novas Carballo, un concello de referencia na...

Evencio Ferrero participou na xornada organizada por Cegasal e Aeigal para abordar a dimensión social e ambiental nos contratos públicos

Carballo, un concello de referencia na contratación reservada a centros especiais de emprego e empresas de inserción social

A concelleira de Medio Ambiente de Viveiro visitou hoxe Carballo para interesarse pola experiencia do noso concello neste e noutros ámbitos

Martes 5 de marzo do 2024

Evencio Ferrero participou na mesa redonda de alcaldes

Evencio Ferrero participou na mesa redonda de alcaldes

Carballo foi un concello pioneiro na contratación reservada a centros especiais de emprego sen ánimo de lucro e empresas de economía social, e hoxe é un modelo a seguir, como volveu poñerse de manifesto na xornada organizada polas entidades Cegasal e Aeigal para abordar a importancia da dimensión social e ambiental nos contratos públicos das entidades locais. O noso concello estivo representado no acto polo alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Contratación, Ramón Varela, e a técnica de Contratación, Carmela del Río.

Evencio Ferrero foi un dos catro alcaldes participantes, xunto cos de Ames, Sada e Ribadavia, na mesa redonda de concellos. Na súa intervención puxo en valor o traballo que están a desenvolver no noso concello os centros especiais de emprego que prestan servizos á cidadanía e expresou, unha vez máis, o compromiso do goberno que preside coa integración laboral das persoas con discapacidade como paso necesario para conseguir unha sociedade máis inclusiva, diversa, comprometida e solidaria. O alcalde convidou tanto ás institucións públicas coma ás empresas a apostar pola economía social.

Carballo conta con dous premios Cegasal: o concedido no ano 2020 ao Concello e o que recibiu no 2022 o alcalde, a titulo persoal, pola súa traxectoria e o seu compromiso co mundo da discapacidade.

Visita da concelleira de Medio Ambiente de Viveiro

A concelleira de Medio Ambiente de Viveiro estivo en Carballo este martes

A concelleira de Medio Ambiente de Viveiro estivo en Carballo este martes

A experiencia acumulada desde que no ano 2007 se adxudicou por primeira vez a Aspaber UTE o contrato de limpeza viaria serve hoxe de folla de ruta de numerosos concellos. Hoxe mesmo recibimos a visita da concelleira de Medio Ambiente, Obras e Mobilidade de Viveiro, Miriam Bermúdez García, que precisamente traía na súa axenda a contratación reservada a centros especiais de emprego para aprender do modelo de Carballo.

Miriam Bermúdez, que estivo acompañada pola técnica de Medio Ambiente, Antonia Prieto González, recibiu todo tipo de información por parte do alcalde, Evencio Ferrero, e dos concelleiros de Obras, Luis Lamas, e Servizos e Medio Ambiente, Miguel Vales, que, tras a reunión celebrada na Alcaldía, acompañáronas nun percorrido por distintos servizos, con especial atención ao de recollida selectiva de residuos orgánicos, no que Carballo tamén foi un concello pioneiro, e o de recollida de cartón pregado porta a porta.

Compartir: