O pleno gardou un minuto de silencio polas vítimas do incendio de Valencia e polo operario falecido no polígono de Bértoa
Aprobada a Axenda Urbana de Carballo, un documento que establece as liñas de actuación para acadar os obxectivos de desenvolvemento sostible
Martes 27 de febreiro do 2024
A corporación gardou un minuto de silencio
O pleno ordinario de febreiro comezou cun minuto de silencio na memoria das vítimas do incendio de Valencia e do operario falecido no polígono industrial de Bértoa só unhas horas antes da sesión.
Os membros da corporación debateron e aprobaron en só media hora todos os asuntos incluídos na orde do día, entre eles algún de tanto calado coma o marco estratéxico e o plan de acción da Axenda Urbana de Carballo, un documento que establece as liñas de actuación necesarias para acadar os obxectivos de desenvolvemento sostible e poder acceder a fondos europeos para o financiamento de proxectos locais.
O alcalde, nunha das intervencións
A Axenda Urbana de Carballo foi aprobada coas abstencións dos sete concelleiros e concelleiras da oposición, igual que o recoñecemento de facturas pendentes de exercicios anteriores por importe de algo máis de 95.000 euros e a resolución das tres alegacións presentadas ao plan especial de protección de protección, infraestruturas e dotacións en Arnados (Razo). A compatibilidade solicitada por unha profesora do Conservatorio Profesional de Música foi aprobada por unanimidade, e a corrección dun erro tipográfico no POS+ saíu adiante coas abstencións dos 5 edís do PP.
Na sesión tamén se deu conta do período medio de pago a provedores, que no último trimestre do 2023 foi de 20,29 días.
Así mesmo, foi aprobada por unanimidade a declaración institucional con motivo do Día Internacional da Muller, que podes descargar máis abaixo.