Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello resolve os contratos de...

PLENO MUNICIPAL

O Concello resolve os contratos de concesión dos postos fixos do mercado comarcal

Martes 6 de setembro do 2005

O Concello de Carballo comezou o 30 de agosto coa reordenación dos case cen postos situados no campo da feira da Milagrosa, para poder iniciar as obras de construción da Casa dos Oficios. O traslado dos postos á rúa do Xílgaro e á de Saturnino Cuíñas - preto do colexio San Luis Romero - farase efectivo o 11 de setembro, coa celebración da feira quincenal de Carballo neste novo espazo.

O único local que non se vai demoler será o ocupado pola pulpeira, ao que se lle engadirán, de xeito provisional, as instalacións dos dous únicos concesionarios de postos fixos que estaban sen resolver e que o Pleno municipal decidiu realoxar. Os postos número 13 e 14 serán trasladados de inmediato aos postos provisionais habilitados polo Concello mentres se executen as obras.

O Concello prevé que a demolición dos pavillóns existentes estea rematada a finais do mes de setembro, data para a que conta ter adxudicada a construción da primeira fase da estrutura dos edificios da futura Casa dos Oficios, que acollerá as instalacións do Centro Municipal de Formación.

Despedida

Durante o Pleno municipal do 5 de setembro, Milagros Lantes Seara presentou a súa renuncia como concelleira delegada de Sanidade, Servizos sociais e Muller. Despois de dúas lexislaturas na oposición e de case dous anos como Concelleira, Milagros Lantes toma posesión do seu novo cargo como delegada provincial da Consellaría de Cultura e Deportes o martes 7 de setembro.

O novo concelleiro delegado de Sanidade, Servizos sociais e Muller será Xoán Ramón García del Río, que deberá continuar coa tarefa da anterior edil en cuestións como o plan de accesibilidade que se estaba a preparar na Concellaría.

Compartir: