Inicio Carballo ao día Novas Volve o concurso de disfraces, comparsas e...

Volve o concurso de disfraces, comparsas e carrozas do domingo de Entroido con máis de 9.000 euros en premios

Sábado 20 de xaneiro do 2024 Cultura

O Entroido volve a Carballo con máis premios que nunca: máis de 9.000 euros! O domingo 11 de febreiro celebraremos o tradicional desfile e concurso de disfraces, comparsas e carrozas, que encherá de animación a Praza do Concello e as rúas do centro urbano a partires das 18.00 horas.

Na actividade máis emblemática do noso Entroido, que é un dos concursos e desfiles con máis tradición da comarca, tiramos a casa pola ventá! Aumentamos a dotación dos premios para carrozas, comparsas infantís e de adultos e grupos infantís. Este ano haberá 15 galardóns! E, como xa é costume en Carballo, destinamos 4.450 euros a gratificacións de 125, 200 e 250 euros para as 20 primeiras inscricións en carrozas ou comparsas.

Para conseguilas só tes que inscribirte, e podes facelo descargando os impresos que atoparás ao final desta nova e presentándoos en calquera dos rexistros do Concello de Carballo, incluído o telemático (https://sede.carballo.gal/sxc/gl/?idioma=gl), ou ben de xeito presencial nas oficinas do Pazo da Cultura ou no rexistro xeral do Concello. Para comparsas e carrozas o prazo está aberto ata o 7 de febreiro, e no resto das categorías ampliamos ata o mesmo día do desfile ás 17.00 horas.

Co obxecto de velar pola seguridade de participantes e espectadores, desde o Concello de Carballo queremos facer fincapé na importancia de respectar as medidas de seguridade, en especial na construción de carrozas. Todas as indicacións figuran nas bases e nas fichas de inscrición.

Descargas

Compartir: