O Concello de Carballo ten en marcha obras de abastecemento de auga por un importe superior a 1,7 millóns de euros
O alcalde e o concelleiro de Planificación visitaron os traballos en marcha para a extensión da rede a varios lugares de Sofán e Verdillo
Sábado 20 de xaneiro do 2024
Juan Seoane e Evencio Ferrero visitaron as obras de abastecemento a Sofán
Continuando coas directrices establecidas no plan director para a mellora do abastecemento no noso concello, que inclúe as actuacións precisas para estender o servizo a toda a poboación, por unha banda, e para eliminar progresivamente as antigas redes de fibrocemento existentes na zona urbana, por outra, nestes momentos temos en marcha varios proxectos por un importe superior a 1,7 millóns de euros.
O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Planificación, Juan Seoane, achegáronse ata a parroquia de Sofán, onde avanza o proxecto da rede de abastecemento cun investimento de 700.000 euros. As obras son executadas pola empresa Vázquez y Reino, e as persoas residentes nas zonas afectadas xa poden tramitar as solicitudes de enganche nas oficinas de Gestagua para que se vaian facendo ao mesmo tempo que a obra.
A conexión coa rede xeral realizarase nos núcleos do Alto (Verdillo) e O Forno (Sofán), e dende eles estenderase ao longo dos lugares de Bolón, Sofandónigo, Campo de Arriba, O Pilro, Quintela, A Tapia, O Forno, Periscal de Abaixo, Periscal de Arriba e A Praza, na parroquia de Sofán, e Regueira de Arriba, Regueira de Abaixo, Chacín e a Redonda, na de Verdillo. En total instalaranse 17.178 metros de tubaxes.
Próximas actuacións
Un dos próximos proxectos hidráulicos que se van executar é a rede de abastecemento de auga desde A Canosa (Rus) ata Entrecruces, que ten un orzamento de 632.306,75 euros. O obxecto é prolongar a rede xeral desde o lugar da Canosa ata os lugares de Casaldares, Taboada, O Piñeiro e A Igrexa, na parroquia de Entrecruces. Colocaranse en total 6.227 metros de tubaxes. A extensión da rede tamén permitirá conectar os lugares da Granxa, A Redonda e Outeiriños, que contan xa coas canalizacións.
O abastecemento a Entrecruces está xa en contratación, ao igual que outras dúas actuacións que permitirán seguir estendendo o servizo á poboación: por unha banda, a ampliación da rede aos núcleos de Rebordelos e A Igrexa de Artes, melloras nas rúas Lirios e Salgueiros (Carballo) e Barís (Rus), así como os treitos pendentes na rúa Fonte de Razo e no lugar de Quintáns (Ardaña) executaranse en breve cun orzamento de 168.375 euros en total; por outra, tamén investiremos 221.208,87 euros na extensión do servizo os núcleos de O Espiño e Ramil (Sisamo) e O Piñeiro e Goiáns de Arriba (Goiáns).