Inicio Carballo ao día Hemeroteca ‘Carballo EnDanza’ achegará tres...

CULTURA

‘Carballo EnDanza’ achegará tres compañías ao Pazo da Cultura a vindeira semana

Xoves 30 de novembro do 2006

Abrirá o Carballo EnDanza a compañía Pepe Hevia con Delicado abismo, un espectáculo suxerente e emotivo no que a danza se mestura coa pintura, a través das imaxes, das cores, das mans e dos rostros presentes na obra da pintora catalá Montserrat Gudiol. As coreografías de Pepe Hevia converten aos bailaríns en pinceladas nun lenzo imaxinario no que a memoria se fai eterna. A actuación terá lugar o martes, 5 de decembro, a partir das 21,00 horas. A segunda das compañías en actuar será Disque Danza, o mércores, 6 de decembro, con Menú Vexetal (dáme verde). Trátase dun espectáculo infantil que recrea a visita dunha muller a un restaurante onde se ve sorprendida pola vida que cobran verduras, froitas ou legumes, coas que, finalmente, acabará degustando un deliciosos menú. Esta actuación comezará ás 19,30 horas. O xoves, 7 de decembro, pechará o programa a compañía Nova Galega de Danza con Engado, ilusionistas a pé, a partir das 21,00 horas. É o segundo traballo desta compañía, que xa visitara Carballo co seu espectáculo Alento, coque afonda no proceso de fusión e recreación de danza e música de raíz galega. Seis músicos e cinco bailaríns tecen en escea todo o seu mundo de ilusións e ofrecen un espectáculo cheo de enerxía, fresco e sorprendente.

A concelleira de Cultura do Concello de Carballo, Belén Lendoiro, destacou na presentación que "o obxectivo do programa é dar a coñecer a danza contemporánea. Trátase dunha oportunidade única na comarca para ver un tipo de espectáculo que, polo xeral, está reservado ás grandes cidades". A programación de Carballo EnDanzac completarase con outra actuación para o público infantil durante o nadal.

Compartir: