Inicio Carballo ao día Novas O proceso de creación da primeira...

O proceso de creación da primeira comunidade enerxética local de Carballo entra na fase de participación veciñal

O xoves 25 de xaneiro, ás 19.00 horas, o Fórum acollerá a presentación do proxecto nun acto aberto a toda a cidadanía

Mércores 17 de xaneiro do 2024

Na nosa determinación de poñer en marcha medidas que axuden a reducir os gases de efecto invernadoiro, a loitar contra o cambio climático e a propiciar unha transición ecolóxica xusta e sustentable, desde o Concello estamos a promover a creación da primeira comunidade enerxética local de Carballo.

Na procura dunha enerxía accesible, sostible e segura para a veciñanza, desde o Concello de Carballo elaborouse un estudo de viabilidade técnica e xurídica para a creación dunha comunidade enerxética que servirá como punta de lanza para xerar enerxía renovable, sostible e económica para os subministros municipais, e tamén para as familias e as pemes que queiran adherirse.

No camiño para a posta en marcha da comunidade enerxética chegou o momento de abrir o proceso informativo e participativo para que a veciñanza coñeza o proxecto e poida formar parte da comunidade na forma que se considere máis axeitada. Con esa finalidade, o xoves 25 de xaneiro, ás 19.00 horas, celebrarase no Fórum Carballo unha xornada aberta a toda a cidadanía na que contaremos coa presenza de Xosé Manuel Golpe Acuña, técnico da Unidade de Xestión Enerxética da Deputación Provincial da Coruña e experto en comunidades enerxéticas, e de Iván Andrade, concelleiro de Innovación, Fondos Europeos, Formación, Emprego e Axenda Urbana.

É moi importante que a veciñanza interesada, empresas e entidades acudan para informarse e iniciar o proceso de creación da primeira comunidade enerxética en Carballo.

PREGUNTAS E RESPOSTAS

Que queremos facer?
Crear unha comunidade enerxética no termo municipal de Carballo ao redor dos proxectos de xeración enerxética que o Concello e a veciñanza promovan.

Para que?
Para xerar enerxía no concello de Carballo, autoconsumila colectivamente e crear unha entidade que se encargue da súa xestión.

Como?
Mediante un proceso participativo promovido polo Concello. Neste proceso participarán a veciñanza, empresas, pemes e entidades interesadas, e pasarán a formar parte do grupo motor que porá en marcha esta comunidade.

Que é un grupo motor?
Un grupo consumidores que será o encargado de poñer en marcha a comunidade enerxética. Con esa finalidade promoverase a formación, a capacitación e a cohesión entre esas persoas ao longo do proceso participativo.

En que consiste o proceso participativo?
Realizaranse unha serie de sesións nas que se traballará de forma dinámica e grupal ao redor dos tres elementos necesarios para a posta en marcha da comunidade:

  • Enerxías renovables e proxectos enerxéticos
  • Normativa relativa ás comunidades enerxéticas
  • Gobernanza e xestión

Compartir: