Inicio Carballo ao día Novas Carballo gañará un novo espazo...

Carballo gañará un novo espazo público de calidade coa Praza do Pombal de Vilela, na que avanzan as obras

O concello inviste 250.000 euros na posta en valor da contorna do pombal, da nogueira situada ao seu carón e da igrexa de San Miguel

Luns 15 de xaneiro do 2024

Poñer en valor os núcleos rurais tradicionais e os elementos máis singulares e identitarios de cada parroquia é un obxectivo no que vimos traballando desde o Concello de Carballo a través de proxectos coma a rehabilitación do conxunto etnográfico do lavadoiro do Piñeiro da Baixa (Entrecruces), a construción de prazas públicas coma as de Sofán ou Aldemunde ou a rehabilitación das contornas de igrexas como as de Rus ou Cances, por poñer algúns exemplos. Nesa mesma liña estamos a crear un novo espazo público de calidade: a Praza do Pombal de Vilela.

Este proxecto, ao que destinamos 250.000 euros, permitirá poñer en valor o pombal cilíndrico de Vilela como elemento singular e identificativo da parroquia. Recuperar a relevancia do pombal e o protagonismo da antiga nogueira situada ao seu carón, como elementos centrais dun espazo público de calidade nun lugar de gran carácter e valor patrimonial e paisaxístico, e o gran obxectivo.

O alcalde, Evencio Ferrero, e os concelleiros Miguel Vales, Juan Seoane e Daniel Pérez visitaron as obras, que executa a empresa Vázquez y Reino e que avanzan a moi bo ritmo. A proposta arquitectónica baséase na creación dunha gran praza entre o pombal e a igrexa, totalmente accesible e que se transforme nun lugar de encontro e celebracións comunitarias. Esa ampla zona pavimentada quedará encadrada entre dous bancos situados en esquinas opostas en forma de L, un deles cuberto cunha marquesiña metálica que servirá de soporte para unha futura parra. O outro será o punto de partida para a construción dunhas gradas que, ademais de resolver a forte pendente do terreo, aproveitarase para xerar outro lugar de estancia e celebración, no que se creará unha zona de sombra grazas á plantación dunha nova árbore.

O arquitecto Carlos Seoane, autor do deseño, tamén tivo en conta a iluminación, que mellorará a visibilidade nocturna e fará da praza un lugar atractivo tamén pola noite. Agardamos poder desfrutala moi pronto.

Compartir: