Inicio Carballo ao día Novas O Enreguéifate convoca a súa...

PRAZO ABERTO ATA O 1 DE MARZO

O Enreguéifate convoca a súa sétima edición baixo o lema "Temos madeira regueifeira!"

Os concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo impulsan este proxecto de dinamización lingüística

Venres 12 de xaneiro do 2024 Lingua

O Enreguéifate, un proxecto impulsado polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo, pon en marcha a sétima edición do seu certame de regueifas en vídeo.

Na presentación, este mediodía no Pazo de Raxoi en Santiago, participaron a alcaldesa compostelá, Goretti Sanmartín; o concelleiro de Contratación, Mocidade, Feiras e Mercados de Carballo, Ramón Varela Rodríguez; o concelleiro de Normalización Lingüística de Pontevedra, Demetrio Gómez Xunqueira; a concelleira de Lingua de Teo, María Vázquez Rey; e Lupe Blanco, regueifeira e formadora do Enreguéifate. Asistiron, ademais, responsables de normalización lingüística dos concellos impulsores.

“Trátase dunha firme aposta pola colaboración entre administracións municipais co obxectivo conxunto de defender e promover a improvisación oral de xéneros galegos como a regueifa”, para contribuír así á promoción e dinamización do uso da lingua galega, explicou Goretti Sanmartín.

O lema elixido para esta sétima edición é “Temos madeira regueifeira!”. Con esa idea, o Enreguéifate procurará sacar á luz o talento para a improvisación oral que existe no noso país. En palabras da organización: Temos madeira regueifeira porque a regueifa circula desde as nosas raíces até o século XXI. A regueifa é de natureza patrimonial, o noso bosque autóctono da improvisación oral en verso.

Prazo e categorías do certame

O prazo para participar no certame de regueifas en vídeo estará aberto dende hoxe e ata o 1 de marzo. A inscrición pode realizarse dende a páxina web do Enreguéifate, onde tamén están dispoñibles as bases completas.

As persoas interesadas en participar deberán enviar un vídeo no que aparezan, como mínimo, dúas persoas regueifando en galego e cunha duración máxima de 3 minutos.

Segundo explicou o concelleiro de Mocidade de Carballo, Ramón Varela Rodríguez, "repítense as categorías de anos anteriores": unha xeral, para calquera persoa; e outra escolar, para alumnado dos centros educativos galegos non universitarios, de xeito que poderán participar todas aquelas persoas que o desexen. Como en edicións previas, haberá tamén seis premios en cada unha das categorías: regueifa máis brava, máis aguda, máis diversa, máis reivindicativa, mellor cantada e mellor falada. A gala de entrega dos galardóns celebrarase na mañá do mércores, 3 de abril de 2024 no Teatro Principal de Santiago de Compostela.

Obradoiros escolares e para profesorado

O proxecto Enreguéifate non só se limita ao certame de regueifas en vídeo, senón que desenvolve accións formativas para estudantado e profesorado. Así, segundo detallou Demetrio Gómez Xunqueira, concelleiro de Normalización Lingüística de Pontevedra, dende o pasado mes de outubro e ata febreiro, están a levarse a cabo a cabo máis de 80 obradoiros de improvisación oral destinados ao alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria e da ESO dunha trintena de centros educativos dos concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo “cunha grande acollida tanto entre o alumnado como entre o profesorado”. Todo, co fin de “crear espazos para que a mocidade teña facilidade para desenvolverse en galego” e que iso sexa o normal.

Lupe Blanco, Josinho da Teixeira e Nuria das Cruces son este ano as persoas encargadas de impartir as accións formativas para escolares. A regueifeira de Coristanco, bisneta do considerado padriño da regueifa de Bergantiños na década dos 80, foi precisamente quen abriu, regueifando, o acto de presentación este mediodía.

Ligazóns

Vídeos

Compartir: