Inicio Carballo ao día Novas Catro entidades ecoloxistas participarán...

Catro entidades ecoloxistas participarán esta fin de semana nunha limpeza de todo o litoral coordinada co Concello

O persoal do servizo municipal de limpeza de praias incorporouse tamén aos labores de retirada do granulado plástico

Xoves 11 de xaneiro do 2024

Participantes na xornada de formación organizada por Adega este mércores

Participantes na xornada de formación organizada por Adega este mércores

O Concello de Carballo coordina co movemento asociativo os traballos de limpeza do granulado plástico que está a chegar ao noso litoral. Esta fin de semana realizarase unha limpeza de toda a franxa costeira carballesa na que participarán as entidades ecoloxistas Limpocean, Senda Nova, Hábitat e Adega, que tamén se encargan das inscricións e da formación das persoas voluntarias que queiran colaborar.

Persoal do servizo de limpeza de praias, hoxe

Persoal do servizo de limpeza de praias, hoxe

O Concello de Carballo facilitará un colector de obra para depositar os residuos e os medios materiais necesarios para a súa recollida, incluídos aqueles dos que dispón o servizo municipal de limpeza de praias. Precisamente hoxe tamén estivo traballando no areal o persoal da empresa encargada do servizo, reforzando o labor que se vén realizando desde que empezaron a chegar á nosa costa os residuos plásticos procedentes do buque Toconao.

Como colaborar?

  • Limpocean: as persoas interesadas deben enviar un e-mail cos seus datos (nome completo, DNI e teléfono de contacto) a eventos@limpocean.com. Todo o material facilitarao a propia asociación. A limpeza será o sábado 13, de 12.00 a 14.00 horas, e o punto de encontro son as instalacións de Art Surf Camp, na Cabreira (Razo).
  • Adega tamén limpará o sábado, pero xa ten as prazas esgotadas. Esta entidade xa organizou o mércores unha primeira xornada de formación de voluntariado que se levou a cabo na zona da Pedra do Sal. 
  • Senda Nova organiza unha xornada de sensibilización e limpeza de microplásticos para o domingo, neste caso na zona de Baldaio. As persoas interesadas poden anotarse ben en sendanova@hotmail.com ou nos teléfonos 611 037 617 e 654 887 468.
  • Hábitat centrará a súa actuación na zona da lagoa de Baldaio, e contará coa colaboración da Asociación de Mariscadoras Fonte de Santa Helena. As persoas que queiran sumarse poden informarse en vixias@gnhabitat.org.

Compartir: