Inicio Carballo ao día Novas Cada carballés depositou o ano pasado unha...

Cada carballés depositou o ano pasado unha media de 10 prendas de roupa nos contedores da Fundación Humana

Nos últimos oito anos recolléronse no noso concello 629.483 quilos de téxtil, que equivalen a dous millóns e medio de prendas

Mércores 10 de xaneiro do 2024

Contedor de roupa en Verdillo

Contedor de roupa en Verdillo

A veciñanza do noso concello depositou o ano pasado nos contedores da Fundación Humana 82.486,20 quilos de roupa, que equivalen a 334.000 prendas, algo máis de dez por persoa. Os residuos de téxtil van en aumento, e aínda que en Carballo chegamos ao tope no ano da pandemia, con 88.423,90 quilos, xa desde o 2019 supéranse os 80.000 quilos anuais.

Desde que empezou a recollida selectiva, no 2016, levamos depositados 629.483 quilos de roupa e calzado nos contedores específicos, é dicir, dous millóns e medio de prendas, que doutro xeito acabarían na incineradora de Sogama.

Nestes momentos contamos con 34 puntos de recollida de téxtil no noso concello, 15 deles situados na zona rural. Carballo conta cun contedor por cada 1.000 habitantes, mentres que a media española é de un por cada 5.000. Os máis utilizados son os situados na rúa Perú, xunto ao Centro Comercial Bergantiños; na avenida do Ambulatorio e na rúa Eduardo Pondal.

Nos colectores de Humana podemos depositar roupa, calzado, complementos e téxtil de fogar que non usamos e que deste xeito poden ter unha segunda vida, ademais de contribuír ao desenvolvemento de proxectos sociais. Ademais, o servizo é gratuíto e representa un aforro importante na xestión dos residuos sólidos urbanos.

Unha vez clasificado na planta que ten Humana en Leganés (Madrid), o 50% do téxtil pode reutilizarse, e máis do 35% é reciclable. A reutilización da roupa contribúe á redución das emisións de CO2: por cada kg de roupa recuperada evítase a emisión de 6,1 kg de CO2, segundo un estudo da Federación Humana People to People. Deste xeito tamén estamos a colaborar na protección do medio ambiente e na loita contra o cambio climático.

Doutra banda, os recursos obtidos coa xestión do residuo téxtil permiten a creación de empregos verdes (Humana xera un emprego indefinido por cada 30 toneladas de téxtil recolleito) e financian programas de desenvolvemento nos países do Sur da man de socios locais.

Compartir: