O Concello aproba un convenio coa entidade sen ánimo de lucro Arecafé para a recollida selectiva de cápsulas de café
O acordo foi adoptado pola Xunta de Goberno Local na primeira xuntanza do ano, na que tamén foron aprobados o programa da cabalgata de Reis e as bases do concurso de Entroido
Martes 2 de xaneiro do 2024
A Xunta de Goberno Local aprobou na primeira sesión ordinaria do ano a firma dun convenio entre o Concello de Carballo e Arecafé (Alianza para a reciclaxe de cápsulas de café) para a recollida selectiva e o posterior tratamento das cápsulas de café no noso concello.
Arecafé é unha entidade sen ánimo de lucro constituída por 24 empresas produtoras de café para dar solucións de recollida e reciclaxe de residuos de cápsulas de café ás entidades adheridas. O Concello de Carballo encargarase de poñer a disposición da cidadanía varios puntos de depósito das cápsulas e outro de almacenamento, e Arecafé encargarase da recollida e o posterior tratamento dos residuos.
O concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Vales, destaca as vantaxes que supón o convenio, tanto pola redución da porcentaxe de residuos inadecuados nas distintas fraccións de recollida selectiva coma a mellora das taxas de reciclaxe, avanzando deste xeito cara un Carballo cada vez máis sostible.
Na xuntanza de hoxe tamén foron aprobados o programa da cabalgata de Reis, que se celebrará este venres 5 de xaneiro, e as bases do concurso de Entroido, previsto para o domingo 11 de febreiro e no que se repartirán máis de 9.000 euros entre premios e gratificacións.