A xubilación de Manuel Carro Carballido completa un ano de renovación no seo da Policía Local
O axente asinou hoxe a súa xubilación acompañado polo alcalde, o concelleiro de Seguridade, o novo xefe da Policía e varios compañeiros
Mércores 27 de decembro do 2023 Carballo ao día
A xubilación de Manuel Carro Carballido, que se fixo efectiva este mércores, completa un ano de renovación no seo da Policía Local. Hai só cinco días que tamén se retirou o oficial Roberto Mosquera Martínez, que foi substituído por Pedro Cancela González á fronte do corpo municipal.
Manuel Carro Carballido levaba 37 anos como axente. Hoxe acompañárono varios compañeiros e compañeiras, ademais do novo xefe da Policía Local, o concelleiro de Seguridade, Juan Seoane, e o alcalde, Evencio Ferrero, que lle fixo entrega, como xa é tradición no noso concello, dun carballo de Sargadelos.
No mes de maio tamén se xubilaron outros dous veteranos axentes, José Ramón Anido e José Antonio Andrade, que traballaban xuntos e tamén quixeron despedirse xuntos. E no mes de agosto retirouse Manuel Fuentes Fraga.
Pero este ano tamén houbo altas, en concreto as de Ángel Barreiro Fraga, Roberto Rajoy Otero e Kelly Villar Castro, que se incorporaron nas últimas semanas á Policía Local. E en breve está previsto que empecen a traballar como funcionarios en prácticas outros tres axentes que están rematando o proceso selectivo na Academia Galega de Seguridade.