Inicio Carballo ao día Hemeroteca Pedro Cancela, novo xefe da Policía Local...

Pedro Cancela, novo xefe da Policía Local de Carballo tras a xubilación de Roberto Mosquera

Hoxe celebráronse, de xeito sucesivo, os actos de despedida do anterior xefe da Policía Local e a toma de posesión do seu sucesor no cargo

Venres 22 de decembro do 2023 Carballo ao día

O carballés Pedro Cancela González é o novo xefe da Policía Local. Hoxe tomou posesión do seu cargo, polo momento de xeito interino, en substitución de Roberto Mosquera Martínez, que se xubilou despois de 41 anos de servizo no Concello de Carballo.

Roberto Mosquera asinou hoxe mesmo o decreto de cese, nun acto ao que asistiu unha ampla representación dos traballadores e traballadoras municipais. “Entrei neste concello en abril de 1982, e para min foi un privilexio traballar con vós”, manifestou o xa ex xefe da Policía Local. O alcalde, no nome da corporación municipal, agradeceulle “o traballo que desenvolveu durante todos estes anos e a lealdade coa que se fixo. O recoñecemento sempre é un acto de xustiza e necesario, e neste caso tamén é un acto merecido", dixo Evencio Ferrero.

Evencio Ferrero felicita a Pedro Cancela tras nomealo xefe da Policía Local

Evencio Ferrero felicita a Pedro Cancela tras nomealo xefe da Policía Local

Poucos minutos despois do acto de despedida de Roberto Mosquera, o alcalde asinaba o nomeamento de Pedro Cancela, noutro acto no que estivo acompañado polo concelleiro de Seguridade, Juan Seoane, e o secretario da corporación municipal, Miguel Piñeiro. O novo xefe da Policía Local expresou o seu compromiso de traballar para mellorar o servizo á cidadanía. Pedro Cancela é policía local desde o ano 2006. A súa carreira comezou no Concello de Ordes, e no ano 2015 incorporouse ao equipo da Policía Local de Carballo, desde o ano 2021 como oficial.

Compartir: