TURISMO
O Plan de Calidade Turística aposta pola mellora de servizos da Costa da Morte
Mércores 29 de novembro do 2006
As actividades que se inclúen no Plan de Calidade Turística para a Costa da Morte van dirixidas a propietarios e/ou empregados tanto de organismos públicos como de entidades privadas dos 17 concellos integrados no Plan de Dinamización da Costa da Morte, que teñan os seu ámbito de actuación en subsectores como aloxamentos turísticos, axencias de viaxe, espacios naturais protexidos e praias, restaurantes, oficinas de información turística, etc. A participación neste proxecto implica unha mellora obxectiva da calidade e competitividade dos establecementos e servizos participantes e, conseguidamente, unha mellora na percepción que os turistas/clientes teñen deles, o que reverterá tanto no incremento do volume de negocio dos participantes coma na mellora da percepción da Costa da Morte como destino turístico, facendo desta área un lugar cada vez máis atractivo para aqueles que a visitan. A inclusión no Modelo de Aproximación á Calidade Turística require unha etapa de lanzamento, outra de desenvolvemento e unha final de consolidación. A máis importante é a de desenvolvemento, que conta con sesións formativas, visitas individualizadas e asistencia técnica colectiva, coa celebración de obradoiros onde se plantexen dúbidas e solucións.
Na presentación do Plan de Calidade Turística da Costa da Morte estiveron o deputado provincial e presidente da Comisión de Seguimento do Plan de Dinamización Turística da Costa da Morte, Pablo Villamar, o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, o director da empresa Estratexias, Iván Campoy, e o director do proxecto, Arturo González. Pablo Villamar destacou na súa intervención as liñas mestras que está a seguir o Plan de Dinamización Turística da Costa da Morte, como "que o destino turístico da zona esté dotado dunha marca e de marketing que permita o seu coñecemento e poda ser comercializado, a posta en valor do noso patrimonio, tanto arquitectónico como medioambiental, e a formación e búsqueda de calidade no sector privado". Esperemos que para todos os participantes no Plan de Calidade éste sexa satisfactorio, ademáis de mellorar moito máis os servizos". O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, referiuse á próxima remodelación a facer no Museo de Bergantiños, co "reforzamento da musealización e, fundamentalmente, a creación dun punto de información turística que poderá levarse a cabo grazas á participación no Plan de Dinamización Turística e á intervención de Pablo Villamar". No acto estiveron presentes empresarios da zona, así como o concelleiro de Medio Ambiente, Manuel Pan, e os alcaldes de Malpica e Cabana de Bergantiños.