Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Conservatorio Profesional de Música...

O Conservatorio Profesional de Música inicia en Cances un ciclo de concertos por distintas parroquias

Dentro da programación do Nadal Cultural están previstos outros dous concertos no Pazo da Cultura para os días 20 e 21

Martes 19 de decembro do 2023 Conservatorio

A Big Band actuará o venres 22 en Cances

A Big Band actuará o venres 22 en Cances

No Nadal de Carballo nunca falta a música do Conservatorio Profesional de Música. Este ano teremos dous concertos no Pazo da Cultura: este mércores 20, coro, banda e orquestra infantil e do alumnado de iniciación musical, e o xoves 21, actuación do alumnado de grao elemental. Os dous empezarán ás 19.00 horas, e a entrada será libre ata completar capacidade.

Pero este ano, ademais, o CMUS aproveita o Nadal para iniciar unha xira que o levará ao longo do curso por distintas parroquias. Retomamos a ruta iniciada a principios do 2020, coincidindo co 30º aniversario do Conservatorio, e que quedou interrompida pola pandemia. De feito, no 2020 só puideron celebrarse dous concertos, en Sofán e Verdillo. Tres anos despois recuperamos aquela iniciativa achegándonos ás parroquias que quedaron pendentes e a algunhas máis.

O programa CMUS en Ruta arrincará este venres 22 na parroquia de Cances. Ás 20.00 horas actuará no centro social nin máis nin menos que a Big Band. A agrupación, dirixida por Javier Bardanca, ofrecerá un repertorio variado e animado, con temas clásicos, bandas sonoras e composicións actuais.

As seguintes paradas serán en Entrecruces (xaneiro), Lema (febreiro), Oza (marzo), Sísamo (abril), Ardaña e Imende (maio). En cada centro social actuarán diferentes agrupacións, en función da capacidade e das características dos edificios. Deste xeito, poderemos escoitar grupos de cámara e de corda, conxuntos de vento madeira e vento metal e tamén á Banda Infantil do CMUS. Calidade e variedade para que, se che gusta a música, poidas acompañarnos neste percorrido polo territorio carballés. Todos os concertos, agás o deste venres en Cances, comezarán ás 19.00 horas.

CMUS en Ruta, organizado polo Conservatorio Profesional de Música do Concello de Carballo, conta coa colaboración das asociacións San Campio de Cances, San Xens de Entrecruces, Ría de Lema, Escola do Alprende de Oza, Santiago Apóstol de Sísamo e Consello Parroquial de Noicela-Rebordelos.



Galería

Compartir: