Inicio Carballo ao día Hemeroteca “Carballo, lugar de afectos”, un calendario para...

“Carballo, lugar de afectos”, un calendario para fomentar o apego e a liberdade de ser e sentir todos os días do ano

Carballeses, carballesas e persoas de fóra que no noso concello séntense coma na casa protagonizan o almanaque do 2024

Luns 18 de decembro do 2023 Lingua

Tres mulleres que apostaron pola maternidade en solitario, unha parella do mesmo xénero, unha de tantas avoas que coidan dos netos a diario, persoas unidas por lazos familiares, pola amizade ou polo amor, familias numerosas, persoas entregadas ao coidado dos animais, que aman a música, o mar ou o noso pan, persoas de fóra que regresan cada ano porque aquí séntense coma na casa... Todas representan a Carballo e todas forman parte do noso calendario para o 2024, porque Carballo é un lugar de afectos, onde queremos gozar da liberdade de ser e sentir todos os días do ano. E como un novo ano é como unha nova vida, na portada temos como protagonistas aos xemelgos Pablo e Elena, que teñen só unhas semanas de vida e que representan o apego que queremos que medre ao noso carón.

Carballo, lugar de afectos é o título do calendario que presentamos este sábado na Biblioteca Rego da Balsa, coa participación de moitos dos seus protagonistas, e que poderás recoller de balde, ata fin de existencias, tanto na propia biblio coma no Museo de Bergantiños.

Na presentación participaron a concelleira de Bibliotecas, Arquivos e Normalización Lingüística, Ángeles Pacoret; o alcalde, Evencio Ferrero, e o fotógrafo carballés Marcos Rodríguez, autor das imaxes que ilustran o almanaque do 2024 e que se amosou moi orgulloso do traballo, “porque eu son de Carballo, é o meu pobo e alá onde vou lévoo no sangue, por iso me fai especial ilusión”, dixo.

“Os pobos fórmanos as persoas, e en recoñecemento a toda a xente de Carballo faise esta síntese dos distintos apegos e dos distintos afectos que pode haber nunha sociedade. E neste calendario podes ver mes a mes como aparecen persoas que sodes o presente e o futuro de Carballo”, comentou o alcalde, que, ao igual que a concelleira, expresaron a súa admiración polo traballo e Marcos Rodríguez e agradeceron a colaboración de tantos veciños e veciñas, “que sodes os auténticos protagonistas”.

Moitas grazas a Elena e Pablo, o seu irmán e os seus papás, porque non podiamos ter unha portada que transmitise máis afecto e tenrura; ás mamás de Simón, Iago e Rodrigo; a Xusto e Marcos; a Mari e os seus netos Enzo, Leo, Samuel e Mario; a Carlos, Javier e María; a Rachele, Óscar, Frida, Dante e Cuba; á comisión de festas de Artes; a Rodrigo e ao mar de Razo e Baldaio; a Ana e Alberto; a Lina, Tirso, Adela, Gema e Miguel; a Cristina e José por visitarnos cada ano desde hai xa 18; a Manuel, Carmen e Jesús Manuel, e Araceli, Antonio e Cecilia. Todas e todos representan o Carballo que queremos.

Compartir: