Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello de Carballo ten en contratación...

O Concello de Carballo ten en contratación obras viarias por importe de 2,6 millóns de euros

Rematan o aglomerado da estrada de Bolón a Vilar de Francos e a pavimenta-ción con cemento do acceso a Vivente

Sábado 9 de decembro do 2023 Carballo ao día

Luis Lamas e Evencio Ferrero, na estrada de Bolón a Vilar de Francos

Luis Lamas e Evencio Ferrero, na estrada de Bolón a Vilar de Francos

O Concello de Carballo ten en contratación nestes momentos obras viarias por importe de 2.624.216,39 euros. Case o 87% corresponde á última fase da travesía de Sísamo, que supera os dous quilómetros de lonxitude, cun treito urbano (desde o remate da segunda fase ata a ponte da AG-55) e outro rural, desde ese punto ata o lugar do Outeiro. O obxectivo do proxecto é completar as infraestruturas urbanas e mellorar a mobilidade e a seguridade peonil.

O resto deses 2,6 millóns de euros repártense entre a reurbanización da rúa Portugal, que ten un orzamento de 134.673,62 euros, e a pavimentación do núcleo do Vilar do Carballo (Oza), na que investiremos 210.015,14 euros.

Proxectos en execución

Ademais do traballo técnico e do servizo de contratación, tamén se está a traballar sobre o terreo, malia as adversas condicións meteorolóxicas. Nos últimos días veñen de rematar outras dúas obras viarias.

Por unha banda, o aglomerado da estrada entre Bolón (Sofán) e Vilar de Francos (Artes), na que investimos 225.140,47 euros. As obras, executadas pola empresa Canarga, consistiroon na instalación de tubaxes para o abastecemento de auga nos núcleos de Bolón, A Pontenova, A Calzada e Vilar de Francos, e no aglomerado de 8.400 metros cadrados de vía, que agora ten unha anchura mínima de 5,50 metros. O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras, Luis Lamas, fixeron un percorrido pola estrada, na que só faltan a pintura e a sinalización.

A outra obra rematada é o acceso ao lugar de Vivente (Ardaña), de 150 metros de lonxitude, que xa está pavimentado con formigón. Dentro do mesmo proxecto, financiado con fondos Agader, figura a mellora do viario interior do núcleo de Arnados (Razo), que está en execución neste momento. O orzamento das dúas actuacións acada os 101.336,51 euros.

Outras actuacións viarias que xa están en marcha son a reurbanización das rúas Labarta Pose, Manuel Murguía e Otero Pedrayo, por unha banda, e da rúa Estrela (reanudarase despois do Nadal), por outra. Tamén estamos a mellorar a accesibilidade e a mobilidade peonil con obras de mellora e ampliación de beirarrúas na zona urbana e na parroquia de Ardaña, e cun proxecto de eliminación de barreiras arquitectónicas en varios barrios.

Asfaltados condicionados polas choivas

As continuas choivas están afectando negativamente ao desenvolvemento dos traballos, do mesmo xeito que manteñen paralizadas as tarefas de asfaltado de vías urbanas e rurais, que vimos de contratar para un período de dous anos, prorrogables ata un máximo de catro, coa empresa Vázquez y Reino. O orzamento para os catro anos supera o millón e medio de euros. Tan pronto como o tempo o permita retomaranse as obras, que afectarán á totalidade das parroquias.

Compartir: