Inicio Carballo ao día Hemeroteca Entregados os premios do concurso de cartel e...

Entregados os premios do concurso de cartel e postal de Nadal 2023

Sábado 16 de decembro do 2023 Cultura

O Pazo da Cultura foi o escenario da entrega dos premios do Concurso de Cartel e Postal de Nadal, un clásico destas datas que convoca a Concellaría de Cultura. Ademais dos/as premiados/as e as súas familias, ao acto asistiron profesorado dos centros participantes, os membros do xurado e o alcalde. Tamén participaron unha alumna e un alumno do Conservatorio Profesional de Música, que interpretaron ao piano cadansúa peza ao inicio e ao remate do acto.

O primeiro premio, que ilustrará a postal de Nadal e que consiste nun agasallo valorado en 175 euros, correspondeu a Aroa Limideiro Remuiñán, de 11 anos e alumna do CPR Artai. Tal como establecen as bases, o centro escolar ao que pertenza o/a gañador/a deste galardón recibirá tamén 150 euros en material didáctico. Este ano, polo tanto, o premio é para o colexio Artai.

O segundo premio, valorado en 100 euros, é para Ángel Fuentes Arijón, de 6 anos e alumno da escola de Artes, que forma parte do CRA Ponte da Pedra. O seu debuxo ilustrará o cartel do Nadal Cultural.

Ademais, concédense os seguintes ACCÉSITS, que recibirán un premio por un valor aproximadamente de 60€:

  • Nuno Alonso Ledermann, 10 anos (CEIP Fogar)
  • Lucia Pombo Fernández, 6 anos (CRA Ponte da Pedra-Artes)
  • Teo Fraga García, 11 anos (CEIP Gándara-Sofán)
  • Mariña Martínez Fraga, 6 anos (CRA Ponte da Pedra-Artes)
  • Xián Pose Señarís, de 10 anos (CEIP A Cristina)

O xurado, que se reuniu este o 29 de novembro no Pazo da Cultura, estivo integrado por alumnado alumnado dos centros de ensino CEIP Fogar e CEIP Xesús San Luís Romero; unha representante da Asociación Cultural Ría de Lema, Beatriz Neira; un representante da Asociación Ambiental Senda Nova, José Manuel Menéndez, o deseñador gráfico Óscar Vázquez, o representante da empresa colaboradora do concurso Todo Lar José Manuel Naya, e, no nome do Concello de Carballo, o concelleiro de Planificación Urbana, Mobilidade e Seguridade, Juan Seoane, e a monitora cultural María Martínez.

Nesta edición presentáronse un total de 1.136 debuxos realizados por escolares dos centros Bergantiños, CRA Ponte da Pedra, Fogar, Xesús San Luís Romero, Nétoma-Razo, Gándara-Sofán, A Cristina e Artai.



Galería

Compartir: