Inicio Carballo ao día Hemeroteca O alcalde e a veciñanza de Xoane reclaman...

O alcalde e a veciñanza de Xoane reclaman unha actuación integral na AC-414 que inclúa unha senda peonil ata Carballo

O delegado da Xunta presentou o xoves o proxecto de pavimentación da vía e Evencio Ferrero reuniuse hoxe co director a Axencia Galega de Infraestruturas

Venres 1 de decembro do 2023 Carballo ao día

En Xoane déronse cita varios veciños e veciñas da zona

En Xoane déronse cita varios veciños e veciñas da zona

O mal estado da estrada autonómica AC-414 ao seu paso polas parroquias de Cances e Goiáns vén sendo motivo de protestas e demandas desde hai anos, e tamén foi o centro do debate no consello parroquial celebrado o 23 de novembro. A veciñanza vén solicitando o arranxo da vía desde a primeira xuntanza do consello parroquial no ano 2017, e desde aquela data esas reclamacións foron trasladadas ano tras ano desde o Concello de Carballo á Xunta de Galicia, titular da vía, pero a falta de mantemento provoca un deterioro cada vez maior, que nos últimos días chegou ao Parlamento de Galicia a través dunha iniciativa do BNG e tamén á televisión.

No cartel poden lerse as características da actuación

No cartel poden lerse as características da actuación

Este xoves achegouse ata Xoane o delegado territorial da Xunta de Galicia, Gonzalo Trenor, para presentar o proxecto de mellora da estrada, que, segundo explicou, consistirá nun fresado de 5 centímetros nos puntos que o precisen e a posterior pavimentación cunha capa de aglomerado do mesmo grosor. As obras están en licitación e, segundo indicou, poderían empezar na primavera.

Ata o punto de encontro achegáronse un grupo de veciños e veciñas, que protestaron pola falta de mantemento da vía por parte da Xunta durante tantos anos e reclamaron unha actuación integral que inclúa unha senda peonil ata Carballo e unha solución para a zona da rotonda de entrada na zona urbana. O delegado asegurou que se estudarán as peticións.

O alcalde, Evencio Ferrero, lembrou unha vez máis que a AC-414 é unha vía autonómica, igual que a AC-418 ou a AC-552, e que, coma nas outras, o mantemento corresponde en exclusiva á Xunta de Galicia

O alcalde, Evencio Ferrero, lembrou unha vez máis que a AC-414 é unha vía autonómica, igual que a AC-418 ou a AC-552, e que, coma nas outras, o mantemento corresponde en exclusiva á Xunta de Galicia. Aínda así, insistiu en que o Concello de Carballo está disposto a colaborar para executar unha actuación integral nos treitos urbanos de Xoane e Cances que permita mellorar tamén a seguridade peonil e ciclista, e a asumir posteriormente eses dous treitos.

Esa mesma oferta trasladoulla 24 horas despois ao director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, co que mantivo unha xuntanza en Santiago acompañado por un técnico municipal. O representante da Xunta confirmou que está previsto o arranxo do firme, tal como indicara o delegado territorial o día anterior, pero pechou a porta á construción dunha senda. Evencio Ferrero insistiu na necesidade de mellorar a seguridade peonil tanto nesa vía coma nos tramos urbanos da AC-552 na zona da Casilla e en Bértoa.

Máis abaixo pódese descargar o escrito enviado o 19 de abril deste ano polo alcalde ao director da Axencia Galega de Infraestruturas, así coma ligazóns a distintas novas publicadas desde a primeira solicitude no ano 2017.

Ligazóns

Descargas

Compartir: