Inicio Carballo ao día Hemeroteca A corporación municipal aprobou a...

A corporación municipal aprobou a concesión da medalla de ouro do Concello ao Bergantiños Fútbol Club

Os tres grupos da corporación e 32 entidades avalan a proposta do goberno municipal no centenario do club

Martes 28 de novembro do 2023 Carballo ao día

O Bergantiños FC recibirá a medalla de ouro do Concello de Carballo coincidindo coa celebración do seu centenario. A proposta do grupo de goberno foi avalada non só polo resto da corporación municipal senón por 32 entidades deportivas, culturais, veciñais, empresariais e sociais do noso concello, que co seu apoio contribúen a poñer en valor o importante labor deportivo e social que vén realizando o club desde o ano 1923.

Tanto o alcalde, Evencio Ferrero, como os portavoces dos partidos da oposición, Mari Carmen Vila, do PSOE, e Rubén Lorenzo, do PP, amosaron o seu recoñecemento a un club que leva cen anos representando con orgullo ao noso concello e que ten demostrada a súa contribución ao dinamismo social e deportivo de Carballo. O acordo unánime da corporación foi ao mesmo tempo un recoñecemento ao deporte carballés no seu conxunto.

Declaración institucional do 25N

O pleno comezou cun minuto de silencio polas vítimas da violencia de xénero

O pleno comezou cun minuto de silencio polas vítimas da violencia de xénero

O pleno ordinario de novembro comezou cun minuto de silencio polas vítimas da violencia de xénero e coa lectura da Declaración institucional do 25N, que este ano fai fincapé na violencia sexual e inclúe un compromiso expreso do Concello de Carballo de organizar accións formativas e informativas que contribúan a erradicar esta manifestación da violencia machista. Todos os concelleiros e concelleiras atoparon sobre a mesa unha camiseta co lema da campaña deste ano: Cantas máis teñen que faltar?

Plan especial de Pedra do Sal

A corporación municipal aprobou de xeito definitivo, neste caso coa abstención dos catro concelleiros e concelleiras do PP que asistiron á sesión, o plan especial de Pedra do Sal. O documento inclúe algúns cambios con respecto ao aprobado inicialmente, fundamentalmente debido a que foron aceptadas a maior parte das alegacións: 7 de forma total e 15 parcialmente, e só 4 foron rexeitadas.

Taxas do cemiterio municipal

Outro dos acordos adoptados, tamén coa abstención do PP foi a aprobación inicial da ordenanza que regula as taxas dos novos nichos do cemiterio municipal, que na ampliación que está a piques de rematar serán de 920 euros por nicho e 360 por columbario, unha vez actualizados os custos das obras.

Ampliación da zona azul

Por unanimidade saíu adiante a ampliación da zona azul, que contará con 14 novas prazas na avenida Ponte da Pedra. A medida responde a unha solicitude de comerciantes e veciñanza da zona, na que se están acometendo obras de reurbanización de varias rúas.

Outros asuntos

Tamén foron aceptadas as solicitudes de compatibilidade presentadas por tres docentes do Conservatorio Profesional de Música para poder compaxinar as clases en Carballo con outras localidades. Así mesmo, foi aprobada inicialmente a Ordenanza reguladora da administración electrónica do Concello de Carballo, que trata de mellorar a seguridade para previr posibles ciberataques como o que sufrimos meses atrás. A solicitude dunha subvención para mellorar a xestión do ciclo da auga e as iniciativas da oposición completaron a sesión.

Compartir: