Inicio Carballo ao día Hemeroteca Os expertos consideran insalvable a palmeira do...

Os expertos consideran insalvable a palmeira do xardín e recomendan a súa eliminación urxente para evitar riscos

Dada a gravidade da situación, desde o Concello de Carballo xa contactamos con especialistas para intentar actuar mañá mesmo

Martes 28 de novembro do 2023 Carballo ao día

A palmeira do xardín non ten salvación. Segundo o informe elaborado pola empresa especializada Terapia Verde a raíz da última revisión, hai só uns días, “o estado de avanzada infestación por picudo vermello e a inexistencia de vitalidade determinan a non viabilidade do exemplar e fan precisa a súa retirada”.

Na inspección realizada con dron detectouse un grave empeoramento da situación da palmeira con respecto ao exame anterior. Nestes momentos xa non ten follas na parte alta e as que conserva están deitadas, síntoma do avance do deterioro. Tampouco hai clorofila, o que non permite a circulación de auga e alimento pola planta, e a desaparición da xema apical, que é o único punto de crecemento da palmeira, implica que xa non xerará novas follas e que as existentes irán desaparecendo.

A empresa recomenda a retirada “urxente” do exemplar para evitar unha maior dispersión da infestación por picudo vermello e polo risco de desprendemento das palmas, co conseguinte risco para as persoas usuarias do xardín, agravado pola envergadura do exemplar, que acada os 14 metros de altura. Dada a gravidade da situación, a Concellaría de Medio Ambiente contactou de inmediato cunha empresa especializada na poda en altura, que, en principio, empezará mañá mesmo cos traballos de eliminación da palmeira.



Galería

Compartir: