Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo renova as 3 Flores de Honra do certame...

Carballo renova as 3 Flores de Honra do certame Vilas en Flor en recoñecemento pola mellora do espazo verde urbano

Venres 24 de novembro do 2023 Carballo ao día

Miguel Vales recolleu do diploma en Tomiño

Miguel Vales recolleu do diploma en Tomiño

O importante esforzo que se vén realizando nos últimos anos para ampliar e manter as zonas verdes nas mellores condicións vén de recibir a súa recompensa. Na súa segunda participación, o Concello de Carballo volveu ser galardoado con 3 Flores de Honra no certame Vilas en Flor, en recoñecemento, precisamente, polo traballo realizado na mellora do espazo verde urbano. No acto de entrega, celebrado este venres en Tomiño, participou o concelleiro de Medio Ambiente e Servizos, Miguel Vales.

Vilas en Flor Galicia é un programa anual que recoñece en forma de galardóns, chamados Flores de Honra, a traxectoria e as accións levadas a cabo polos municipios galegos na mellora e potenciación dos espazos verdes urbanos, a súa xestión sostible, a educación ambiental e a concienciación cidadá no coidado da contorna. Vilas en Flor é unha iniciativa de ASVINOR (Asociación de Viveristas do Noroeste), AGAEXAR (Asociación de empresas de xardinería de Galicia) e da Fundación Juana de Vega.

Transformación verde

A iniciativa Presume de Xardíns ten cada ano máis participación

A iniciativa Presume de Xardíns ten cada ano máis participación

O centro urbano de Carballo é como un xardín botánico que reúne especies de todo o mundo. Nos últimos anos plantáronse acivros, fotinias, tamarindos, oliveiras, bidueiros, arces, magnolios, cedros, castiñeiros, nogueiras, cerdeiras, madroños, árbore da seda, árbore do ámbar, pistachos, naranjos… máis de cen tipos diferentes de árbores e arbustos que xa non están só nos parques, senón tamén, e cada vez máis, nas rúas. Nas zonas verdes plantamos cada ano unhas 15.000 flores, 7.500 por temporada, e este outono volvemos repartir entre a cidadanía as plantas de temporada que, cando se retiran, aínda están en boas condicións.

Tamén traballamos para fomentar o coidado das zonas verdes dende a infancia, con accións como a creación da Carballeira do Futuro, ou o programa Presume de Xardíns, que tan boa acollida ten, e no que este ano participaron 228 nenos e nenas.

No ano 2019, o Concello adxudicou o servizo de mantemento, conservación e mellora dos espazos verdes e o arborado ao centro especial de emprego Dixardín, que conta cun 80% de traballadores con algún tipo de diversidade funcional. O equipo de Carballo está formado por 11 persoas, incluídos o xefe do servizo, a técnica e o encargado do grupo. O Concello de Carballo destina cada ano ao servizo algo máis de 300.000 euros.

Compartir: