Inicio Carballo ao día Hemeroteca O goberno municipal proporá ao pleno a...

O goberno municipal proporá ao pleno a concesión da medalla de ouro do Concello ao Bergantiños FC no seu centenario

Sábado 11 de novembro do 2023 Deporte

Presentación da camiseta do centenario do Bergantiños (agosto 2022)

Presentación da camiseta do centenario do Bergantiños (agosto 2022)

O Bergantiños FC, fundado no ano 1923, é a entidade deportiva máis antiga de Carballo. Con motivo do seu centenario, o goberno municipal quere poñer en valor o importante labor deportivo e social desenvolvido polo club ao longo de todo este tempo e proporá no próximo pleno que se lle conceda a medalla de ouro do Concello de Carballo.

Ao longo da súa historia, o Bergantiños contribuíu a acadar o dereito da cidadanía á práctica deportiva e á formación da mesma nos valores do deporte. Actualmente conta cun total de 16 equipos, tanto masculinos coma femininos, que integran a máis de 300 deportistas, entre eles douscentos nenos e nenas das categorías de base, aos cales hai que engadir 12 equipos e outras 200 licenzas de base da entidade filial Escolas de Fútbol Luís Calvo Sanz. En total, máis de medio milleiro de deportistas.

O obxecto principal do club é a práctica do fútbol nas competicións oficiais, nas que ten acadado numerosos éxitos deportivos, entre eles o campionato da Copa Galicia de 1968-1969, a participación na categoría de bronce do fútbol nacional nas tempadas 1987-1988 e 1988-1989, o título de campión de 3ª división galega na tempada 1993-1994 e a lembrada participación na Copa do Rei en novembro de 1987 ante o Rayo Vallecano, con miles de afeccionados no campo de fútbol municipal.

Pero a relevancia do Bergantiños vai máis alá do ámbito deportivo. A entidade realiza tamén un gran labor social. Representa a Carballo máis alá do municipio e constitúe un elemento identitario, dinamiza e fomenta a participación da veciñanza nos asuntos colectivos, pois é elevadísimo o número de carballeses, carballesas e persoas de toda a comarca que, tanto como deportistas, adestradores, directivos, socios ou simpatizantes, participan das actividades do club.

En recoñecemento a esa gran contribución, o goberno municipal considera máis que merecida a concesión da medalla de ouro do Concello de Carballo, e así o proporá na sesión plenaria do 27 de novembro.

Compartir: