Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Campionato Galego de Autocross decídese...

O Campionato Galego de Autocross decídese en Carballo, que acolle este sábado a última proba da temporada

Hoxe fíxose pública a listaxe de participantes, con 56 pilotos en catro categorías

Xoves 9 de novembro do 2023 Deporte

Volve o autocross ao circuíto municipal de Carballo, que acolle este sábado a última proba do campionato galego coa participación de 56 pilotos en catro categorías: -1600, +1600, carcross e carcross júnior. Aínda que os líderes en cada unha delas están bastante claros, haberá que estar en Carballo para saber os podios finais reflicten as actuais expectativas.

Diego Iglesias, en representación da escudería organizadora, Máis Motor, presentou hoxe o cartel deste 17º Autocross Carballo acompañado polo alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Deportes, Daniel Pérez. O espectáculo do motor arrincará o sábado ás 10.00 horas cos adestramentos. A partir das 15.00 horas disputaranse as semifinais, e as finais están previstas para as 17.00 horas. O circuíto está preparado para a ocasión, e o público desfrutará sen dúbida dunha gran carreira.

O circuíto do motor carballés acolleu este ano outras dúas probas, unha do campionato de España e outra do galego, con 49 pilotos en liza. A participación aumenta nesta sétima e última carreira da temporada en Galicia, con 10 pilotos na categoría de ata 1600, liderada por Rubén Uzal, da Peña Autocross Arteixo; 16 na categoría de máis de 1600, na que manda o carballés Dani Castro, de Máis Motor; 25 na categoría raíña, carcross, liderada por Javier Ramilo, Kobas, que ten o título asegurado, e 5 en carcross júnior, onde se vai decidir o título entre Iago Rodríguez e Diego García, entre os que hai só dous puntos de diferenza.

O espectáculo está asegurado. Non o perdas!

Descargas

Compartir: