Alingua destaca figuras públicas como a investigadora carballesa Verónica Bolón como referentes no uso do noso idioma
A Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega publica na rede o ‘Catálogo de referentes’, guía virtual que recompila de forma inicial máis de corenta perfís
Martes 7 de novembro do 2023 Lingua
Alingua, Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega que aglutina os servizos de normalización lingüística de 19 concellos, lanza este curso o seu Catálogo de referentes acompañado dunha guía didáctica de descarga libre e dun cartel de referentes dirixidos ao alumnado. Tamén presentou a Cartografía sensorial, un espazo virtual de paisaxes sonoras e visuais dos concellos que conforman a entidade, nun acto ao que asistiu o concelleiro de Mocidade, Ramón Varela.
O Catálogo de referentes preséntase como un compendio en permanente medra onde se recollen figuras destacadas de diferentes ámbitos sociais e culturais que desenvolven en galego tanto o seu día a día coma a súa traxectoria profesional. Este catálogo créase co fin de visbilizar os usos reais da lingua en ámbitos diversos e de prestixio e de achegar referentes que conecten coa mocidade.
Esta guía dixital, que se pode consultar na web da Alingua a través desta ligazón, recolle máis de corenta figuras salientables clasificadas por 12 grandes áreas: comunicación, deporte, artes escénicas e cinema, cómic e ilustración, artes plásticas, moda e artesanía, ciencia, música, literatura, gastronomía, activismo e novas tecnoloxías.
Catálogo de referentes
Alingua enxalza como referentes da nosa fala a intérpretes como María Vázquez, Xosé A. Touriñán ou as integrantes da compañía teatral A Panadaría, ilustradores como Luís Davila, as voces de Tanxugueiras, Mondra, Grande Amore ou Fillas de Cassandra e as sinaturas literarias de Ledicia Costas, Antía Yáñez ou Ismael Ramos. Para completar o ámbito da creación artística, tamén se recollen as figuras de creadoras plásticas como son a pintora Aroa Outón, a fotógrafa e deseñadora Zeltia Iglesias Rodríguez ou a muralista Nana.
Máis aló do sector cultural, o Catálogo de referentes tamén glosa personalidades da ciencia (Iria Veiga, Sonia Villapol ou Xacobe de Toro), do deporte (Sechu López e Rocío García Eiras), da gastronomía (Lucía Freitas e Javi Olleros), da comunicación (Rodri Míguez, Mario Brión, María Rúa ou Esther Estévez).
Completan o catálogo nomes das novas tecnoloxías (Iago Gordillo, Javi Boquete ou Verónica Bolón) e do activismo, representado pola performer Meiga-I, a sindicalista Isabel Vilalba e as escritoras María Reimóndez e Nee Barros, tamén presentes no apartado literario pola súa obra. Todas as persoas presentes no catálogo aceptaron previamente participar nel e colaborar así coa asociación Alingua como unha vía máis de amosar o seu compromiso co idioma.