En marcha tres proxectos de mellora da accesibilidade peonil por un importe superior aos 600.000 euros
O alcalde e o concelleiro de Mobilidade visitaron hoxe as obras, que se desenvolven en distintos barrios urbanos e na parroquia de Ardaña
Martes 7 de novembro do 2023 Carballo ao día
O Concello de Carballo ten en marcha nestes momentos tres proxectos de mellora da accesibilidade peonil nos que estamos a realizar un investimento de 629.386,79 euros. Hoxe o alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Mobilidade, Juan Seoane, fixeron un percorrido por todas elas.
Na parroquia de Ardaña, no treito da vía Carballo-Portomouro comprendido entre os quilómetros 3+450 e 4+0,25, están en execución as beirarrúas cun orzamento de 175.000 euros. O proxecto, executado pola empresa Vázquez y Reino, inclúe 575 metros de beirarrúas ao longo da estrada provincial e un itinerario peonil de acceso ao centro social, de 75 metros de lonxitude, en 30 dos cales levantarase un muro de formigón. Ademais aproveitarase para instalar a rede separativa de augas pluviais. O proxecto complétase coa sinalización horizontal e vertical, a creación de espazos verdes nas zonas situadas xunto aos pasos de peóns e a plantación de árbores.
Dentro da zona urbana, coa finalidade de seguir avanzando na mellora da accesibilidade, tamén están realizándose obras de construción de beirarrúas en varios puntos nos que ou ben non existe beirarrúa ou non é accesible, ou non ten continuidade ao longo de toda a rúa ou está sen pavimentar: Bergantiños, Cuba, Carballo Calero, Muíño da Pintura, Julio Galán, Venus, Avenida do Ambulatorio, Vila de Coristanco, Pedra Furada, Violetas, Avenida da Cristina, Xirona, Vicente Risco, Pascual Veiga, Río Eume, Río Tambre, Río Anllóns, Nardos, Isidro Parga Pondal, Cementerio Vello, José María Castroviejo e A Lagoa.
Na maior parte dos casos trátase de zonas pendentes de urbanizar pero que, dada a intensidade de uso peonil que teñen, aconséllase unha intervención que mellore a seguridade das persoas usuarias mediante a creación de itinerarios peonís diferenciados dos destinados ao tráfico rodado. O investimento nas obras, que executa a empresa Gestal y López, acada os 167.314,98 euros.
O terceiro proxecto en execución ten tamén ten como obxectivo a mellora da accesibilidade peonil mediante a eliminación de barreiras arquitectónicas. En total realizaranse 124 actuacións de ampliación ou adaptación de beirarrúas no barrio das Flores (rúas Papoulas, Xeranios, Mirtos, Camelias, Xasmíns, Lirios, Xestas, Camelias e Begonias) e noutras rúas urbanas: Perú, Muíño, Gran Vía, Uruguai, Brasil, Arxentina e Igrexa. A empresa adxudicataria, BCNOR Gestión y Soluciones Avanzadas, conta cun orzamento de 287.071,81 euros.