A corporación municipal aproba a actualización do IBI e o IVTM por primeira vez en máis de vinte anos
O pleno comezou cunha declaración institucional unánime sobre a situación de Palestina e Israel
Martes 31 de outubro do 2023 Carballo ao día
Unha declaración institucional sobre a situación de Palestina e Israel, asinada polos tres grupos municipais, abriu o pleno ordinario celebrado este luns 30 de outubro. Á sesión contou con 20 concelleiros/as pola ausencia da popular Isabel Cotelo, e a corporación adoptou os seguintes acordos:
- Expediente de modificación orzamentaria: suplemento de crédito de 80.000 euros, destinados á área de Deportes. Da cantidade total, 20.000 euros destinaranse a cubrir o previsible incremento do gasto de enerxía eléctrica, derivado da suba dos prezos pero tamén do aumento das horas de uso das instalacións deportivas municipais. Os outros 60.000 destinaranse a mantemento e conservación de instalacións. A proposta foi aprobada con 13 votos a favor do BNG e 7 abstencións de PP e PSOE.
- Modificación da ordenanza fiscal reguladora do Imposto sobre Bens Inmobles. Despois de case trinta anos, o Concello de Carballo actualiza o IBI incrementando o tipo do 0,40 (mínimo legal) ao 0,44 tanto para bens rústicos coma urbanos. Aos bens de características especiais (o único que hai no concello é a autoestrada) seguiráselles aplicando o 1,3. A proposta saíu adiante cos votos a favor do BNG, mentres que a oposición votou en contra.
- Modificación da ordenanza fiscal reguladora do Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica, na que o tipo aplicado polo Concello pasa do 1,1 ao 1,2. Ademais establécese unha bonificación do 75% para vehículos que usan carburantes ecolóxicos, os históricos seguirán bonificados ao 100% e os de máis de 25 anos terán un desconto do 75%. A primeira modificación do IVTM en máis de vinte anos saíu adiante cos votos a favor do goberno, mentres que a oposición votou en contra.
- Modificación da RPT da área de servizos económicos e do cadro de persoal debido a que o Concello de Carballo asumirá a partir de xaneiro o servizo de recadación, por xubilación do actual recadador, o que obriga a reestruturar a área de servizos económicos. Votaron a favor o BNG e o PSOE, e o PP abstívose.
- Moción do PSOE de apoio e dignificación dos/as profesionais da avogacía e da procuradoría en relación coa súa protección social. Aprobada por unanimidade.
No apartado de rogos e preguntas só se formulou unha por parte do PP relativa ás obras da rúa Estrela, á que respondeu o concelleiro de Mobilidade, Juan Seoane, cos detalles da actuación.