As plantas de temporada retiradas dos xardíns municipais serán repartidas entre a cidadanía este xoves no mercado municipal
Máis de douscentos exemplares de alegrías guineanas e begonias terán unha nova vida nos fogares carballeses
Luns 23 de outubro do 2023 Carballo ao día
Nos xardíns de Carballo chegou o momento de cambiar a planta de temporada, unha acción que se realiza dúas veces ao ano e que implica a substitución das flores que se plantaron na primavera por outras que sexan quen de resistir as condicións meteorolóxicas do outono e o inverno.
Aínda que a maioría das plantas xa están en mal estado, algunhas son máis resistentes e aínda están en boas condicións. Por iso, en vez de envialas para compostaxe, por segundo ano consecutivo poñerémolas a disposición da veciñanza para que teñan unha nova vida nos fogares carballeses.
O ano pasado repartíronse entre as familias que participan nos programas de compostaxe doméstica, pero nesta ocasión entregaranse aos veciños e veciñas do noso concello que se acheguen este xoves 26 de outubro, a partir das 10.30 horas e ata fin de existencias, ao posto que teremos instalado no interior do mercado municipal (entrada da rúa Gran Vía), coa colaboración de Dixardín. En total distribuiranse máis de 200 exemplares entre alegrías guineanas e begonias.