ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN NO 981 704 048
As actividades con Apego continuarán o día 25 cun obradoiro de primeiros auxilios para familias con fillos/as de cero a seis anos
Xoves 19 de outubro do 2023 Lingua
Cada vez son máis as familias carballesas que apostan pola crianza con Apego ao noso idioma. E para seguir fomentando a transmisión do galego como lingua inicial, desde a área de Normalización Lingüística estamos a promover e desenvolver actividades durante todo o ano. A próxima, programada para o mércores 25 de outubro, será un obradoiro de primeiros auxilios dirixido a familias con fillos e fillas de cero a seis anos de idade. O prazo de inscrición está aberto no 981 704 048.
O proxecto Apego inclúe todo tipo de propostas para realizar en familia, desde contacontos para bebés coma os que ofreceron Pablo Díaz ou Raquel Queizás, entre outros; actividades relacionadas coa natureza, como o obradoiro de pegadas ou a ruta pola ribeira do Anllóns para coñecer a vexetación do noso río; iniciativas para transmitir o galego a través da música, como a de canto e baile miúdo ou o obradoiro de regueifa que impartiu Lupe Blanco, e talleres moi variados: ioga, psicoloxía infantil...
Con estas iniciativas, ademais de implicar as familias, queremos poñer en valor o traballo que está a desenvolver o asociacionismo carballés, contando coa Asociación Ambiental Senda Nova para as actividades da natureza, coa Escola do Alprende para as musicais ou co Club Ciclista Carballo para o animado obradoiro de seguridade viaria que se celebrou o mes pasado no mercado municipal.
Actividade "Chapuzando en familia"
Do mesmo xeito, queremos visibilizar o traballo dos servizos municipais, achegando aos nenos e nenas e ás súas familias a recursos como as piscinas municipais a través de propostas como a recente Chapuzando en familia, coa colaboración de Carballo Deporte, ou o próximo obradoiro de primeiros auxiliios, co Servizo Municipal de Protección Civil.
De aquí a final de ano seguirá a programación, e xa temos previstas para novembro dúas novas propostas: Baba-bebé, da Xanela do Maxín, o día 8, e A viaxe de Lup, con Sole Felloza, o 22. Se queres máis información ou formar parte das familias Apego só tes que achegarte ata o Servizo de Normalización Lingüística, na casa do concello.