Inicio Carballo ao día Hemeroteca Avanzan as obras de reurbanización das...

Avanzan as obras de reurbanización das rúas Labarta Pose Manuel Murguía, Otero Pedrayo e parte de Antón Fraguas

O Concello de Carballo realiza un investimento de 355.955,40 euros para dotalas de todos os servizos urbanísticos, mellorar a accesibilidade e humanizar o barrio

Martes 10 de outubro do 2023 Carballo ao día

O alcalde, Evencio Ferrero, e os concelleiros de Obras, Luis Lamas; Servizos, Miguel Vales, e Mobilidade, Juan Seoane, visitaron as obras que se están a levar a cabo no ámbito integrado polas rúas Labarta Pose, Manuel Murguía, Otero Pedrayo e Antón Fraguas co obxectivo de mellorar os servizos urbanísticos, mellorar a accesibilidade e avanzar na humanización do barrio. O investimento acada os 355.955,40 euros, e da execución encárgase a empresa Excavaciones y Obras Candal.

Os traballos permitirán renovar os distintos servizos urbanos, eliminando os tendidos aéreos de telecomunicacións, alumeado e electricidade, ademais de mellorar as infraestruturas do ciclo da auga. Neste sentido, o proxecto prevé a substitución das vellas tubaxes de fibrocemento por unha nova rede de abastecemento, que permitirá pechar a malla na zona, garantindo o subministro tanto dende Antón Fraguas coma dende Ponte da Pedra. Tamén se completará a rede de saneamento, e ademais instalarase a de recollida de augas pluviais, actualmente inexistente.

Outro dos obxectivos da actuación é avanzar na mobilidade sostible e na accesibilidade mediante a eliminación de barreiras arquitectónicas e o establecemento de plataforma única, limitando as áreas de estacionamento para fomentar a circulación peonil. Na zona oeste da rúa Labarta Pose crearase, de feito, unha zona exclusivamente peonil e unha zona verde con rega por goteo. Entre as catro rúas plantaranse 38 árbores de distintas especies. O proxecto tamén inclúe a sinalización horizontal e vertical, e mobiliario urbano, en concreto 5 bancos, 4 papeleiras e unha fonte.

Compartir: