Inicio Carballo ao día Hemeroteca Ratificado o convenio para poñer a...

Ratificado o convenio para poñer a disposición da Xunta de Galicia os terreos para a creación do Centro Integral de Saúde

Luns 9 de outubro do 2023 Carballo ao día

A sinatura do convenio realizouse en marzo

A sinatura do convenio realizouse en marzo

A Xunta de Goberno Local ratificou na sesión de hoxe o convenio urbanístico que permitirá poñer a disposición da Xunta de Galicia os terreos solicitados para a creación dun centro integral de saúde (CIS). O documento fora asinado inicialmente polo alcalde, Evencio Ferrero, e o propietario da parcela, Alberto Varela, o pasado 24 de marzo, e aprobado pola Xunta de Goberno Local o 27 dese mesmo mes.

Unha vez rematado o proceso de información pública, e tal como establece a lexislación, os convenios deben ser ratificados polas dúas partes. Deste xeito, despois de que o fixese o propietario do solo o 28 de setembro, hoxe foi a quenda do Concello. O seguinte paso debe ser a sinatura do acordo para remitilo á Administración autonómica, que fará as obras.

O convenio dá resposta á necesidade de poñer a disposición da Consellería de Sanidade un terreo de 1.820,60 metros cadrados para dar cabida aos servizos previstos no Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, aprobado a finais do 2021 polo Consello da Xunta.

Proxecto da Xunta

Proxecto da Xunta

Tal como establece o convenio, o Concello de Carballo cederá o terreo á Consellería de Sanidade para a construción do CIS e, se é preciso, urbanizará a superficie destinada a vías. Tamén se fará cargo dos gastos e tributos derivados da cesión, e ademais recoñece ao propietario da parcela o aproveitamento urbanístico que lle puidese corresponder pola superficie cedida cando se desenvolva o sector de solo urbanizable SR-5.

Por parte da Administración local tamén se aplicará, con respecto dos gastos de urbanización que se xeren coa actuación, a oportuna compensación en virtude da cesión efectuada en 1988. Neste sentido cómpre lembrar a existencia dunha cesión previa de 1.258 metros cadrados realizada hai 35 anos por Alberto Varela para a construción do actual centro de saúde, e que naquel convenio incluíase unha serie de obras viarias que non se completaron. O Concello de Carballo asumirá o importe da obra urbanizadora equivalente á valoración dos terreos cedidos de xeito gratuíto no ano 1988.

Compartir: