Inicio Carballo ao día Hemeroteca Rematadas as obras do primeiro dos cinco...

Rematadas as obras do primeiro dos cinco proxectos deseñados para evitar as inundacións no río Anllóns

Augas de Galicia e o Concello de Carballo realizaron un investimento superior aos 300.000 euros na construción dun “bypass” na zona do Muíño do Quinto

Xoves 5 de outubro do 2023 Carballo ao día

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, asinou hoxe a acta de recepción do primeiro dos cinco proxectos que se levarán a cabo dentro do convenio de colaboración entre o Concello e Augas de Galicia para reducir o risco de inundación nas beiras do Anllóns. Esta primeira actuación, financiada polo organismo autonómico cun orzamento de 268.000 euros, consistiu na construción dun bypass na zona do Muíño do Quinto. O Concello, pola súa banda, fíxose cargo das expropiacións necesarias para a realización dos traballos, polo que o investimento total superou os 330.000 euros.

O principal obxectivo da actuación é a mellora da capacidade hidráulica do río ao seu paso polo Muíño do Quinto. Para conseguilo abriuse unha canle alternativa que permita derivar caudal en períodos de avenida. As obras afectaron ao paseo fluvial, polo que se procedeu á construción dunha pasarela de madeira para darlle continuidade ao trazado da senda.

Segundo consta no convenio entre ámbalas institucións, a Xunta de Galicia é a responsable de executar, controlar e financiar as obras necesarias para evitar as inundacións, mentres que o Concello debe achegar os terreos, xestionar as licenzas e facerse cargo do mantemento posterior das obras que pola súa natureza sexan susceptibles de recepción por parte da Administración local.

Os técnicos de Augas de Galicia avanzaron que entre este mes e o que vén tamén rematarán as obras no parque de San Martiño, e que en novembro arrincarán os traballos de reforma da ponte da rúa do Sol, que inclúen a demolición dun edificio de propiedade municipal e a creación dunha canle de augas altas.



Galería

Compartir: