Inicio Carballo ao día Hemeroteca Evencio Ferrero manifesta o seu apoio ao...

Evencio Ferrero manifesta o seu apoio ao comité de empresa de Celsa Atlantic na loita pola continuidade da empresa

O alcalde recibiu a unha representación dos traballadores da fábrica larachesa, na que traballan veciños e veciñas do noso concello

Venres 29 de setembro do 2023 Carballo ao día

A reunión celebrouse na casa do concello

A reunión celebrouse na casa do concello

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, recibiu este venres ao comité de empresa de Celsa Atlantic. A xuntanza, á que asistiu tamén o concelleiro de Participación Veciñal, Daniel Pérez, que ademais é deputado no Parlamento de Galicia, forma parte dunha serie de contactos que están a manter os representantes dos traballadores coa finalidade de acadar o respaldo institucional preciso para garantir a continuidade de actividade na fábrica larachesa.

Evencio Ferrero e Daniel Pérez expresaron o seu apoio aos traballadores e traballadoras de Celsa Atlantic, se ben a solución a situación creada a raíz da xentencia do Xulgado do Mercantil numero 2 de Barcelona que valida o plan de restruturación presentado polos acredores da empresa, non está en mans da administración local, senón da Xunta de Galicia. Ata o momento, segundo se indicou na xuntanza, o Goberno galego está mantendo unha actitude pasiva, que contrasta coa postura pro-activa adoptada polos executivos doutras comunidades nas que tamén hai fábricas do Grupo Celsa.

O comité de empresa trasladou aos representantes municipais a súa preocupación “debido a que o plan de restruturación presentado polos acredores non aborda un plan industrial para a planta da Laracha, polo que queda a dúbida de se os novos propietarios van seguir co proxecto de cerrar o ciclo produtivo na nosa factoría”. Ante a incerteza creada, os traballadores consideran que é máis importante a nunca “seguir apostando polo proxecto actual de instalar unha acería na Laracha”, para evitar a dependencia de terceiros para poder seguir operando, e pola incorporación dun socio industrial interesado en garantir a continuidade da actividade e do emprego en Celsa Atlantic A Laracha.

Evencio Ferrero e Daniel Pérez amosaron a súa preocupación pola posible perda de postos de traballo, moitos deles ocupados por veciños e veciñas do noso concello, pero tamén pola posible influencia negativa no dinamismo do eixo industrial Arteixo-A Laracha-Carballo, vinculado ao Porto Exterior de Punta Langosteira.

Compartir: