O alumnado de cociña do obradoiro de emprego Fórum Dual recibiu as últimas masterclasses de profesionais locais
O de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais rematou as súas prácticas nas de entidades colaboradoras
Venres 29 de setembro do 2023 Carballo ao día
Rocío Martínez, en plena demostración
A entrega de diplomas clausurou de xeito simbólico o obradoiro de emprego Fórum Dual pero o alumnado aproveita estes últimos días de formación para desenvolver outras actividades. Deste xeito, mentres en atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais remataron as prácticas nas entidades colaboradoras e estes últimos foron días de despedida, en cociña celebráronse as últimas masterclasses coa colaboración de profesionais locais.
A primeira foi Rocío Martínez, do restaurante Pementa Rosa, que elaborou ensalada de tomate de tempada e falsa burrata, sardiña afumada con queixo do Cebreiro e figos, e bonito confitado con sopa de pepino e piparras.
María Recarey compartiu a súa experiencia como ex alumna
A seguinte masterclass impartiuna unha ex alumna da Escola Municipal de Hostalaría, María Recarey Chouciño, que actualmente traballa como cociñeira no Chuac, e que lles ofreceu unha orientación a partir da súa experiencia no mundo laboral. A clase rematou cunha elaboración conxunta de roscas.
Marcos Seoane pechou as masterclasses
Finalmente recibiron a visita de Marcos Seoane, do restaurante Río Sil, que preparou tataki de tenreira, picaña asada, carpaccio de tenreira e steak tartar.
Hoxe visitaron as instalacións da empresa La despensa d'lujo, e o luns celebrarán un xantar de despedida no que participará todo o alumnado, o profesorado e a dirección do obradoiro de emprego. A partir do martes contaremos con vinte profesionais nas especialidades de cociña, dez, e atención sociosanitaria, outros dez, con moitas opcións de integrarse no mercado laboral. Agardamos que así sexa.