Concello de Carballo e Lumieira colaboran para impulsar a cultura micolóxica entre a veciñanza
A Concellaría de Medio Ambiente organiza por primeira vez unha saída para recoller cogomelos dirixida a nenos e nenas de 6 a 12 anos
Xoves 28 de setembro do 2023 Participación veciñal
Este ano imos aprender máis ca nunca sobre os cogomelos. Grazas á colaboración entre a Concellaría de Medio Ambiente e a Asociación Cultural Lumieira, que leva anos promovendo a micoloxía entre a veciñanza, queremos darlle un impulso definitivo á cultura micolóxica con actividades dirixidas a toda a poboación, dende a rapazada ata as persoas maiores, e que incluirán saídas ao monte, por suposto, pero tamén sesións de clasificación e catalogación, exposicións, degustacións e mesmo espectáculos infantís. E para todo iso contaremos con auténticos/as especialistas.
Carballo celebra 14 edicións de xornadas micolóxicas. Comezaremos o sábado 14 de outubro cunha primeira saída dende o Fórum Carballo, ás 10.00 horas, e a posterior clasificación dos cogomelos e a valoración da xornada, xa a partir das 16.30 horas. Esta primeira xornada estará coordinada por Manuel Pose. As persoas interesadas poden inscribirse xa enviando os seus datos a a.c.lumieira@gmail.com.
Para o sábado 21 temos reservada unha actividade nova en todos os sentidos, porque é a primeira vez que se celebra e ademais vai dirixida aos máis peques da casa. Para introducir aos nenos e nenas no mundo da micoloxía organizaremos unha saída coordinada por Tomás Rodríguez. O punto de encontro serán as instalacións de La Base Motor Club, en A Telleira (Artes), ás 10.00 horas. A recollida realizarase pola contorna, e ao seu remate, previsto para o mediodía, os nenos e nenas participantes poderán asistir alí mesmo a un espectáculo do Mouro Moure, Un bosque na maleta, coa colaboración da Concellaría de Normalización Lingüística. Esta actividade está dirixida a nenos e nenas de 6 a 12 anos de idade. Hai 20 prazas, que se cubrirán por orde de inscrición. Cada participante deberá acudir acompañado por unha persoa adulta.
Ese mesmo día, mentres os nenos e nenas se achegan á micoloxía na parroquia de Artes, no Fórum Carballo levaremos a cabo unha xornada gastronómica para todos os públicos, para a cal contaremos co cociñeiro Miguel Silvarredonda. A actividade comezará ás 11.00 horas, e consistirá na elaboración e degustación de petiscos con cogomelos. Hai 40 prazas.
Para participar nas actividades do día 21 é preciso inscribirse cubrindo este formulario. As prazas cubriranse por orde de solicitude.
O sábado 28 volveremos contar con Tomás Rodríguez, co cal realizaremos unha nova saída para recoller cogomelos, co mesmo formato que a do día 14. As persoas interesadas poden inscribirse xa enviando os seus datos a a.c.lumieira@gmail.com.
E o domingo 29 remataremos por este ano cunha exposición conxunta na feira. A partir das 11.00 horas, todo o público que o desexe poderá achegarse ata o posto que teremos instalado na zona da Praza do Concello e aprender máis sobre os cogomelos coa axuda dos micólogos Raquel Poncini e Pablo Cuadrado.