Recibido na casa do concello o presidente da Comisión de Desenvolvemento Rexional do Parlamento Europeo
Younous Omarjee, acompañado pola eurodeputada Ana Miranda, participou nunha xuntanza de traballo á que asistiron representantes do BNG e o PSOE
Luns 25 de setembro do 2023 Carballo ao día
Representantes do BNG e do PSOE participaron na xuntanza
O presidente da Comisión de Desenvolvemento Rexional do Parlamento Europeo, Younous Omarjee, visitou este luns o Concello de Carballo grazas ás xestións realizadas pola eurodeputada Ana Miranda, que, ademais de acompañalo, exerceu coma tradutora.Tras ser recibido por Evencio Ferrero na Alcaldía, Jounous Omarjee participou nunha xuntanza de traballo á que asistiron varios representantes do BNG e a voceira do PSOE, Maricarmen Vila.
Younous Omarjee, eurodeputado desde o 2012, preside nestes momentos a comisión responsable das políticas e dos fondos relacionados coa política de cohesión, como os FEDER ou o Fondo Social Europeo, entre outros. A súa visita ten que ver, precisamente, coa implementación deses fondos en Galicia, e para coñecer a realidade ten previsto achegarse a distintos concellos da comunidade.
O alcalde ofreceulle algúns datos sobre o noso concello, e o comisario europeo interesouse especialmente polo acceso de Carballo aos fondos de cohesión. Evencio Ferrero aludiu ás subvencións conseguidas no seu momento para a construción do Fórum ou para a captación de auga no Bardoso, pero tamén fixo referencia ás dificultades que teñen os concellos para acceder a fondos europeos, tanto pola falta de persoal especializado como pola ausencia de colaboración por parte das administracións autonómica e estatal.
Evencio Ferrero agasallou cun carballo de Sargadelos a Younous Omarjee, que tamén asinou no Libro de Honra do Concello
O presidente da Comisión de Desenvolvemento Rexional avanzou que desde a UE se está a traballar para que os fondos sexan menos xeralistas e máis adaptados ás particularidades de cada territorio, de xeito que permitan manter a diversidade e as especificidades. Neste sentido amosou a súa curiosidade polo noso concello, no que se mesturan urbano e rural, interior e costa.
Younous Omarjee incidiu en que os fondos europeos non poden usarse de xeito político, e instou aos concellos a comunicar calquera irregularidade ao respecto. Así mesmo, animou ao goberno municipal a seguir presentando proxectos que contribúan a superar o problema demográfico de Galicia e o reto medioambiental, e para conseguilo púxose a disposición do Concello de Carballo.