Inicio Carballo ao día Hemeroteca Aprobado o novo regulamento do Consello escolar...

ENSINO

Aprobado o novo regulamento do Consello escolar municipal

Luns 19 de setembro do 2005

"O Consello escolar municipal é un importante instrumento de expresión directa da cidadanía, que aumenta o grao de implicacións dos cidadáns na toma de decisións", explícase no texto que regula este novo organismo, e que foi publicado no Boletín Oficial da Provincia o 9 de agosto.

O novo organismo estará presidido polo alcalde de Carballo e estará composto pola concelleira delegada de Ensino, polo secretario municipal, por 10 profesores - 6 do ensino público e 4 do privado - por 6 pais e nais de alumnos, 2 directores de centros, 4 alumnos, un representante do grupo político maioritario da oposición, 2 representantes de sindicatos, un do movemento asociativo, un representante dos movementos de renovación pedagóxica e un da administración autonómica.

Segundo se establece no regulamento, o Consello escolar municipal deberá reunirse cando menos unha vez por trimestre, ademais das reunións a comezo e a final de curso. No texto establécense como mínimo a creación de tres comisións de traballo: a pedagóxica, a de equipamento escolar e a de planificación educativa.

As funcións propias do Consello escolar municipal de Carballo son o asesoramento, a consulta, a proposta e a información en:

  • Convenios e acordos de colaboración coa Consellaría de Educación ou outra administración pública, que lle afecten ao ensino no ámbito municipal.
  • Actuacións e normas municipais que lle afecten aos servizos educativos complementarios e extraescolares con incidencia no funcionamento dos centros docentes, tales como transporte escolar, comedores, servizos de limpeza e conservación.
  • Actuacións e normas municipais que lle afecten ou que favorezan a ocupación real das prazas escolares para mellorar o rendemento educativo e, no seu caso, facer efectiva a obrigatoriedade do ensino.
  • Emprazamento dos centros docentes na demarcación municipal.
  • Prioridade nos programas e actuacións municipais que lle afecten á conservación, vixilancia e mantemento axeitado dos centros docentes, de acordo coas competencias que a lexislación lle outorgue aos concellos en cada momento, e especial atención á supresión de barreiras arquitectónicas.
  • Fomento de actividades que tendan a mellorar a calidade educativa, a renovación pedagóxica, aos principios da escola activa, a atención á diversidade e a integración escolar, "para chegar a unha escola democrática, científica, libre, galega e non discriminatoria", tal e como se expresa no texto da Ordenanza.
  • Competencias educativas que lle afecten ao ensino non universitario e que a lexislación lle outorgue aos municipios.
  • Na programación de investimentos en materia educativa.
Compartir: