654 nenos e nenas de catro a doce anos comezan o curso na Escola de Natación Infantil do Concello de Carballo
Este curso teñen praza todas as persoas abonadas e está previsto que poidan liberarse máis prazas ao longo do primeiro trimestre
Domingo 10 de setembro do 2023 Deporte
O luns 11 de setembro comeza o curso nos centros educativos e tamén na Escola de Natación Infantil do Concello de Carballo, á que este ano asistirán un total de 654 nenos e nenas de catro a doce anos de idade, distribuídos en 68 grupos. Ao longo do curso realizaranse 2.864 sesións de 45 minutos de duración.
A Escola de Natación Infantil do Concello de Carballo cumpre 36 anos, e non pode haber maior satisfacción que ver as caras de felicidade dos milleiros de nenos e nenas que aprenderon a nadar na piscina municipal Vila de Noia ao longo de todo este tempo. Pero queremos seguir vendo caras alegres, e por iso realizamos unha redistribución dos grupos que nos permite incrementar a oferta de prazas e dar cabida a todas as persoas abonadas que tiñamos en listaxe de agarda.
O curso empeza o 11 de setembro, e grazas á redistribución realizada acadamos a cifra máis elevada dos últimos anos, que nos permitirá non só eliminar a listaxe de agarda de abonados/as senón que tamén está previsto que poidan liberarse prazas ao longo do primeiro trimestre para recortar a de non abonados/as.
Cada alumno/a da Escola de Natación Infantil recibirá unha sesión semanal de 45 minutos de duración, ata acadar un total de 35 sesións entre setembro e xuño. Este programa acapara máis da metade da demanda das actividades acuáticas que se desenvolven na piscina municipal Vila de Noia, e cada semana impártense 80 sesións.
Ano tras ano, coincidindo co curso escolar, todos os días, de luns a venres, entre as 16.45 e as 20.00 horas, a piscina do complexo deportivo Vila de Noia ten un espazo reservado para os nenos e as nenas do municipio carballés, unha actividade que se compatibiliza co uso da instalación por parte de entidades deportivas e usuarios/as individuais.
As persoas que precisen información máis detallada sobre o funcionamento da Escola de Natación Infantil do Concello de Carballo poden poñerse en contacto coa área de Deporte a través do enderezo electrónico carballodeporte@carballo.gal, chamando ao 981702109 ou presencialmente nas oficinas “Carballo Deporte” na rúa Vila de Corcubión.