A Concellaría de Educación aproveitou o verán para acometer as principais melloras solicitadas polos colexios
As obras de reforma integral da antiga escola unitaria de Gontade (Ardaña) están case a punto
Xoves 7 de setembro do 2023 Carballo ao día
As aulas de infantil do CEIP Nétoma-Razo estrean aseos
Co comezo do curso 2023-24, o luns 11 de setembro, entrarán en servizo novos equipamentos habilitados polo Concello de Carballo nos colexios de infantil e primaria, como os servizos hixiénicos das aulas de infantil do CEIP Nétoma-Razo, que evitarán que os nenos e nenas de menor idade teñan que subir á planta superior cada vez que precisan utilizalos, como sucedía ata agora. O alcalde, Evencio Ferrero, e as concelleiras de Educación e Cultura, Mar Eirís e Maruxa Suárez, achegáronse ata o centro para ver as melloras realizadas, ás que se suman o cambio de cuberta executado pola Consellería de Educación e a posta en marcha do comedor escolar, cun máximo de 30 prazas.
O Concello colaborou na nova cociña do CEIP Fogar coa instalación eléctrica e a pintura
Alcalde e concelleiras visitaron tamén o CEIP Fogar, no que, neste caso grazas á colaboración entre o propio centro e o Concello de Carballo, o alumnado disporá este curso dunha aula de psicomotricidade máis ampla, unha cociña que estará aberta ao resto dos centros educativos do concello, e novos bancos nas zonas verdes exteriores. Desde o centro agradeceron especialmente o labor da brigada municipal de obras, que se encargou de tarefas como a instalación eléctrica ou a pintura.
Como todos os anos, desde a Concellaría de Educación aproveitouse o verán para a posta a punto dos colexios, segundo as necesidades presentadas polos equipos directivos. Tamén se acometeron as accións de desinfección, desinsectación e desratización en todos os colexios e escolas unitarias, xunto coa limpeza dos areeiros ou os controis da calidade da auga, que se realizan periodicamente ao longo de todo o curso. Outras actuacións iranse acometendo nos vindeiros meses, como o arranxo da nova biblioteca do CEIP Xesús San Luís Romero ou a instalación dunha marquesina na escola de Mirón-Bértoa.
Tamén está case a punto a reforma integral da antiga escola de Gontade, en Ardaña, que visitaron o alcalde e o concelleiro de Obras, Luis Lamas. O proxecto executouse seguindo as indicacións técnicas da Xunta de Galicia para o seu posible uso como centro de educación especial.
As obras da escola de Gontade están case listas
O luns 11 tamén empezará a funcionar o programa Concilia nos colexios Fogar, Bergantiños e Gándara-Sofán, os únicos nos que se acadou o número mínimo de solicitudes precisas para ofrecer o servizo de madrugadores. A partir do martes 12 estará aberto o prazo para as familias que precisen utilizalo en días soltos.