O luns 11 celebrarase o acto de presentación do curso no CMUS e o 18 empezarán as clases
O Conservatorio Profesional de Música do Concello de Carballo contará este curso con 175 alumnos e alumnas
Mércores 6 de setembro do 2023 Conservatorio
O Conservatorio Profesional de Música do Concello de Carballo xa está a punto para iniciar un novo curso no que seguirá apostando por formar pero tamén por dar a coñecer o gran talento musical que medra ano tras ano na súa sede do Pazo da Cultura. O luns 11 ás 20.00 horas celebrarase o acto público de inauguración do curso, e as clases comezarán unha semana máis tarde, o luns 18. Entre unha data e outra, o alumnado está convocado para a elección de horarios para instrumento. Os horarios das materias colectivas están publicados nesta mesma web.
O CMUS contará este curso con 175 alumnos e alumnas: 34 de iniciación musical, 75 de grao elemental e 66 de grao profesional. A matrícula sobe lixeiramente con respecto ao curso pasado, sobre todo no grao elemental.
Un dos proxectos que ten en marcha a dirección do CMUS para este curso é a reactivación da Banda Infantil, na que poderá integrarse de xeito voluntario todo o alumnado de vento e percusión que desexe formar parte da agrupación. O Conservatorio Profesional de Música de Carballo conta nestes momentos con varias agrupación: Banda Municipal de Música, Big Band, Coro, Orquestra de Corda... ás que poderemos ver e escoitar en distintos eventos ao longo do curso.
Aínda que é de titularidade municipal e está xestionado directamente pola Concellaría de Educación do Concello de Carballo, o CMUS conta coa correspondente autorización autonómica e réxese polas normativas e directrices establecidas pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia. O equipo directivo está formado por Javier Bardanca Castro, director; Daniel Novo Pena, vicedirector; Mario Seoane Blanco, xefe de estudos, e Isaura Rey Castro, secretaria.