Inicio Carballo ao día Hemeroteca O servizo de salvamento e socorrismo pecha por...

O servizo de salvamento e socorrismo pecha por este verán nas praias do concello

Martes 5 de setembro do 2023 Carballo ao día

A temporada de praias no concello de Carballo remata oficialmente hoxe co peche do servizo de socorrismo, despois de case tres meses de actividade. O persoal da unidade de salvamento acuático dedicou as últimas horas de traballo a colocar salvavidas e carteis informativos en puntos estratéxicos dos nosos areais, para que as persoas usuarias tomen as medidas oportunas e eviten o baño.

Nos últimos días tamén pechou as súas portas a bibliopraia da Praia dos Libros, que tan boa acollida ten verán tras verán, e rematou o programa medioambiental “Eu quero Razo-Baldaio”. O servizo de limpeza permanece activo, aínda que cunha frecuencia máis reducida.

Este verán volveu ondear a bandeira azul nas praias de Baldaio-Saíñas, Pedra do Sal e Razo como símbolo da boa calidade das augas de baño, dos areais e dos servizos que prestamos aos usuarios e usuarias. A calidade ambiental e a excelencia na prestación dos servizos son os eixos arredor dos que xira a acción da Concellaría de Medio Ambiente, e por iso en Carballo tamén ondea nas nosas praias outra bandeira, a do Certificado do Esquema Europeo de Ecoxestión e Auditoría (EMAS), que implica un compromiso coa prevención da contaminación, a mellora continua do areal, a xestión de residuos e a atención aos usuarios e usuarias.

Nese sentido, as cinco zonas de baño do noso litoral que están controladas sanitariamente (Pedra do Sal, Razo, Arnados, Ría de Baldaio e Saíñas) acadaron a cualificación de excelente, segundo a clasificación sanitaria remitida pola Consellería de Sanidade.

Compartir: