Inicio Carballo ao día Hemeroteca A corporación municipal aprobou por...

A corporación municipal aprobou por unanimidade os festivos locais para o ano 2024, que serán o 24 e o 25 de xuño

Martes 5 de setembro do 2023 Carballo ao día

Á sesión asistiron 20 dos 21 membros da corporación

Á sesión asistiron 20 dos 21 membros da corporación

A corporación municipal aprobou por unanimidade os festivos locais para o ano 2024, que serán os días 24 e 25 de xuño, luns e martes, respectivamente. O acordo foi adoptado por unanimidade no pleno ordinario celebrado este luns.

A unanimidade foi a tónica da sesión, que durou 17 minutos e á que asistiron todos os membros da corporación agás a concelleira do PP Isabel Cotelo.

Con respecto á apertura do proceso de renovación do Consello Escolar Municipal, o PSOE modificou a súa intención de voto despois de que o alcalde, Evencio Ferrero, expresase a disposición do goberno a permitir a participación do grupo minoritario da corporación, con voz pero sen voto, sempre que a Consellería de Educación o admita.

Tamén se aprobou a posta en marcha do proceso de renovación do Consello Deportivo Municipal. Segundo o acordo adoptado, nun prazo máximo de tres meses deberá realizarse a convocatoria de eleccións para que as entidades elixan aos seus representantes. O popular Rubén Lorenzo avogou por un Consello Deportivo Municipal máis activo que no período anterior, e o concelleiro de Deporte, Daniel Pérez, lembrou que o último mandato estivo marcado pola pandemia da COVID-19 e que desde o Concello optouse por outras vías para manter un contacto permanente coas entidades e intensificar o apoio municipal cando máis o precisaron.

Finalmente, deuse conta do informe de Intervención e Tesourería sobre o cumprimento da Lei de loita contra a morosidade e das resolucións da Alcaldía e dos acordos da Xunta de Goberno Local. Non houbo rogos nin preguntas, pero o voceiro popular agradeceu que se realice un envío máis detallado da documentación.

A corporación municipal volverá a reunirse o día 25, xa que o pleno deste luns foi o correspondente ao mes de agosto.

Compartir: