Comezan as obras da área recreativa da Ponte de Bértoa, incluídas no plan de renovación integral dos parques infantís
Os proxectos dos parques da Praza do Concello, A Milagrosa, Eduardo Pondal e Razo están en fase de contratación
Mércores 30 de agosto do 2023 Carballo ao día
A área recreativa da Ponte de Bértoa será obxecto nas vindeiras semanas dunha reforma integral. A empresa Jardinería Arce vén de iniciar as obras, que teñen un orzamento de 150.000 euros e que inclúen a renovación de todo o espazo.
Como en todas as obras do plan de renovación dos parques infantís, non se trata unicamente da instalación de novos xogos senón tamén de mellorar a accesibilidade e a inclusión mediante a introdución de xogos adaptados, ademais de crear espazos para o descanso das persoas adultas e maiores, fomentando o vínculo emocional; promover a utilización do espazo público para o deporte e o ocio, e fomentar a mobilidade sostible.
Na Ponte de Bértoa, en concreto, o proxecto prevé a instalación de céspede artificial especial para parques infantís en varias cores, e de xogos inclusivos. Tanto a pista polideportiva coma a nova área de calistenia que se creará disporán de pavimento continuo de formigón pulido. Na zona deportiva marcaranse os campos de fútbol sala, balonmán e baloncesto e renovarase tanto o cerramento da pista coma o equipamento deportivo. Ademais está prevista a reposición do peche perimetral de madeira.
Nestes momentos está pendente de adxudicación o proxecto Carballo para a infancia, que prevé un investimento de 550.000 euros nos parques das prazas do Concello, A Milagrosa e Eduardo Pondal. O proxecto será cofinanciado polo Concello e a Deputación da Coruña, que achega o 80% do orzamento. A actuación prevista nos tres espazos seguirá a liña das realizadas nos parques do Chorís e do Hospital e complementarase coa mellora das zonas axardinadas, que forma parte doutro contrato que está en execución nestes momentos e que reforza o carácter integral das intervencións.
Por outra banda, ata o 19 de setembro está aberto o prazo de licitación á obra de reforma integral do parque infantil de Razo, que ten un orzamento de 146.125,13 euros.
De xeito paralelo seguimos traballando na elaboración de novos proxectos que se irán acometendo sucesivamente para crear unha gran rede municipal de parques integradores.