Inicio Carballo ao día Hemeroteca O goberno municipal de Redondela visitou Carballo...

O goberno municipal de Redondela visitou Carballo para aprender da nosa experiencia en compostaxe

Os representantes do concello pontevedrés tamén se interesaron polo funcionamento da unidade de atención temperá

Mércores 23 de agosto do 2023 Carballo ao día

Unha delegación do Concello de Redondela encabezada pola concelleira de Persoas Maiores e Infancia, Sanidade e Medio Ambiente, Pilar Martínez González, e o concelleiro de Infraestruturas e Sostibilidade, Roberto Villar Rodríguez, visitou hoxe o noso concello para aprender da nosa experiencia na xestión dos residuos orgánicos e na compostaxe.

Os representantes do Concello de Redondela mantiveron unha xuntanza co alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras, Luis Lamas, na que tamén participaron técnicos vinculados aos servizos municipais de xestión dos residuos, que expuxeron as liñas básicas do traballo que vén desenvolvendo o Concello de Carballo nesta materia, na que somos un referente dentro e fóra de Galicia; así coma os aspectos administrativos e o funcionamento do servizo, sobre todo no que se refire ao programa de compostaxe na zona rural e á experiencia urbana “Ti tes a chave”.

A Lei de Residuos e Solos Contaminados obriga a todos os concellos a ter implantada a recollida selectiva de biorresiduos domésticos a partir do ano 2024

En liña coa Estratexia Española de Economía Circular, a Lei de Residuos e Solos Contaminados obriga a todas as entidades a reducir gradualmente os residuos, e establece un calendario de implantación da recollida separada de biorresiduos domésticos, a partir do ano 2022 para concellos con máis de 5.000 habitantes, e a partir do 2024, para todos os demais, o que obriga a todos os gobernos municipais a adoptar plans de xestión como o que ten implantado o noso concello, que foi pioneiro, dende hai xa varios anos.

Durante a súa estadía en Carballo, os representantes do Concello de Redondela tamén se reuniron coa concelleira de Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade, Maica Ures, coa que falaron sobre políticas sociais e, fundamentalmente, sobre o convenio coa Asociación Galega de Atención Temperá (AGAT) para o funcionamento da Unidade de Desenvolvemento Infantil e Apoio Familiar (UDIAF).

Compartir: